Nova: A Xunta colabora coas librarías para mellorar a súa dixitalización e impulsar o libro galego

05/05/2025

A Xunta colabora coas librarías para mellorar a súa dixitalización e impulsar o libro galego

  • O Consello dá luz verde ao convenio dotado con máis de 220.000€ para actuacións de divulgación, información e promoción da cultura
  • A achega da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén irá destinada ao circuíto das Feiras do Libro de Galicia, cuxa segunda parada estase a celebrar en Santiago de Compostela ata o 11 de maio
  • As librarías tradicionais continúan a ser a canle elixida para adquisición de publicacións (73,1 %), seguida, pero con ampla marxe, por Internet (33,5 %)

O Goberno galego colaborará coas librerías galegas para mellorar a súa dixitalización e impulsar o libro galego. Así se informou hoxe no Consello da Xunta, no que se deu luz verde ao convenio de colaboración coa Federación de Librarías Galegas dotado con máis de 220.000€ e destinado a facilitar actuacións de divulgación, información e promoción da cultura mediante a organización de actividades, o deseño de iniciativas formativas e a mellora e modernización dos recursos.

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incrementa en 5.000€ a súa achega ata os 165.000€ renovando así o acordo iniciado no ano 2015 e que permite a celebración das Feiras do Libro de Galicia, o circuíto que ata finais do mes de agosto percorrerá 13 vilas e cidades galegas e que actualmente está a facer a súa segunda parada en Santiago de Compostela, onde permanecerá ata o 11 de maio. Tras esta cita, o percorrido continuará o vindeiro martes 13 de maio en Lugo con presentacións, sinaturas, encontros con escritores e escritoras, recitais, mostras teatrais, concertos e propostas infantís.

Por outra banda, continuando coa formación dos asociados, o convenio tamén inclúe xornadas para afondar no modelo de Feiras do libro e no funcionamento e aproveitamento dos programas de xestión. Trátase dunha iniciativa dirixida a profesionais e axentes do libro que se levará a cabo tanto de xeito presencial como en liña.

Ademais, co fin de impulsar o libro galego e facilitar a participación de autores e creadores nas librarías, nos meses de abril, maio, outubro e novembro levaranse a cabo 26 actividades culturais en 26 establecementos libreiros que poderán ser en dúas modalidades, segundo a elección das librarías; clubs de lectura ou sesión de contacontos. Todas as propostas estarán relacionadas co libro galego. Deste xeito, preténdese acadar un aumento da dinamización cultural e da nosa lingua, á vez que as librarías consoliden a consideración das actividades culturais como parte da súa actividade diaria.

O último dos obxectivos, centrado na dixitalización, procurará que as librarías implementen novos e mellores servizos da intranet dirixidos a impulsar unha rede de contactos profesionais aos que poidan acudir as librarías asociadas, crear unha bolsa de traballo para atopar profesionais que queiran desenvolver a súa carreira laboral no sector do libro e enlazar traballadores interesados nesta profesión coas librarías con necesidades de persoal.

Ademais, tamén se creará un espazo de documentación útil para os libreiros que inclúa convenios, estatutos, circulares e convocatorias co obxectivo de contribuír a unha xestión máis eficiente, á vez que se busca propiciar unha difusión máis extensa das actividades culturais ao redor da lectura e da nosa lingua.

Incremento no número de lectores e de compras

Cómpre salientar que os establecementos libreiros son o espazo principal no que os galegos e galegas mercan os seus libros. Así se recolle no Informe sobre hábitos lectores e compra de libros en Galicia durante 2024 avaliado este mesmo mes polo Consello da Xunta no que se salienta que o 73,1% das persoas mercan os seus libros na libraría tradicional, seguida da compra a través de Internet (33,5 %).

Segundo este estudo, o 67,4% da poboación galega mercou o pasado ano algún libro. Esta porcentaxe reflicte un aumento do 3,8 % con respecto ao ano 2023 e sitúa a nosa Comunidade dos puntos por riba da media nacional.

Comparte