Nova: A XUNTA LANZA A CONVOCATORIA PARA COPRODUCIR UN ESPECTÁCULO A PARTIR DO TEXTO ESCRITO AO ABEIRO DA III BOLSA DE DRAMATURXIA DO CENTRO DRAMÁTICO GALEGO

01/05/2025

A XUNTA LANZA A CONVOCATORIA PARA COPRODUCIR UN ESPECTÁCULO A PARTIR DO TEXTO ESCRITO AO ABEIRO DA III BOLSA DE DRAMATURXIA DO CENTRO DRAMÁTICO GALEGO

  • O proxecto seleccionado na primeira fase deste programa, desenvolvido en colaboración cunha ducia colectivos culturais, foi ‘Santa Bárbara’, de Santiago Cortegoso, que adoptou o título provisional de ‘A furia da amanita’
  • A dotación para a súa coprodución experimenta un incremento de máis dun 65% respecto da anterior edición para situarse nos 25.000 euros
  • Ábrese ata o 19 de maio o prazo para que presenten as súas propostas profesionais e compañías interesadas en levar esta obra a escena

A Xunta de Galicia acaba de abrir o proceso de selección para a coprodución dun espectáculo teatral a partir do texto escrito por Santiago Cortegoso como gañador da primeira fase da III Bolsa de Dramaturxia e Creación do Centro Dramático Galego. A dotación destinada a esta convocatoria experimenta un incremento de máis do 65% respecto á edición anterior e pasa a situarse nos 25.000 euros.

O obxectivo desta iniciativa, que se leva a cabo en colaboración cunha ducia de colectivos e entidades do sector cultural, é ofrecer un acompañamento integral a unha peza teatral, desde a súa escrita ata a súa produción, estrea e distribución. Neste caso, a compañía seleccionada para a segunda fase do programa levará a escena A furia da amanita, título provisional da obra resultante do proceso de escrita que o autor, director e actor Santiago Cortegoso desenvolveu nos últimos meses tras acadar esta terceira edición da Bolsa de Dramaturxia co proxecto Santa Bárbara.

A convocatoria publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais diríxese a persoas autónomas ou empresas dedicadas profesionalmente á produción escénica, con actividade maioritaria en Galicia, que teñen de prazo ata o 19 de maio para presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Criterios de valoración

Para a valoración dos proxectos, nos que a contía do contrato de coprodución non poderá exceder o 80% do seu orzamento, teranse en conta criterios relacionados coa proposta de dirección e adaptación, o interese de cultural e artístico, as estratexias de difusión e promoción, a repercusión na creación e fomento de públicos ou o apoio doutras estruturas na coprodución e financiamento.  Na comisión avaliadora, presidida polo director do Centro Dramático Galego, estarán representados os diferentes colectivos adheridos ao programa.

Santiago Cortegoso sitúa esta historia na Fábrica de Armas da Coruña, como se reflicte no título inicial do proxecto Santa Bárbara, que o autor renomeu como A furia da amanita tras o seu proceso de escrita. O texto arranca no ano do peche da factoría, en 2017, para contar a relación dunha filla e do seu pai, quen traballou na empresa desde os 17 anos ata alcanzar un posto de alta dirección nela. O conflito interxeracional prodúcese cando a filla, na súa madurez, adquire uns valores políticos e sociais que chocan co que representa o seu pai.

Os proxectos gañadores das anteriores edicións foron Relato para un incendio, de Ernesto Is, que foi levado a escena xunto á compañía aAntena, e Bailar no ceo, de Ana Abad de Larriva, que deu lugar á coprodución con Xerpo.

Comparte