Nova: López Campos presenta os oito videoxogos subvencionados pola Xunta como reflexo do talento e potencial do sector en Galicia

26/04/2025
López Campos presenta os oito videoxogos subvencionados pola Xunta como reflexo do talento e potencial do sector en Galicia
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude subliña entre os obxectivos deste apoio facilitar a chegada ao mercado de contidos galegos e en galego, así como o impulso á profesionalización, á creación de emprego e á incorporación da muller neste ámbito
Os equipos de ‘Gato’, ‘Macen-93’, ‘O noso pasar: A nosa fantasía’, ‘Portalén’, ‘Sandwich Cat’, ‘subROV’, ‘Unicorn Wars’ e ‘Xerme’ explicaron as principais características das súas propostas e a fase de desenvolvemento na que se atopan actualmente
Cangas (Pontevedra), 26 de abril de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou hoxe no Museo do Videoxogo de Galicia, en Cangas, a escolma dos oito proxectos de videoxogos subvencionados a través da nova liña de axudas da Xunta para o desenvolvemento deste sector cun investimento de 150.000 euros: Gato, Macen-93, O noso pasar: A nosa fantasía, Portalén, Sandwich Cat, subROV, Unicorn Wars e Xerme.
O responsable de Cultura do Goberno galego amosouse moi satisfeito coa reposta das empresas galegas a esta convocatoria autonómica, que –como explicou– é a primeira que se lanza con fondos propios para impulsar “o talento e o potencial creativo e tecnolóxico” neste eido, e o resultado dun proceso de diálogo co sector encamiñado a atender do xeito máis específico e útil posible a idiosincrasia das produtoras e estudios que traballan en Galicia.
Impulso aos contidos en galego
“Deste forma, contribuímos a xerar novas oportunidades para a profesionalización e a xeración de emprego, así como para a incorporación de máis mulleres aos equipos”, continuou López Campos en referencia aos criterios de concesión destas axudas. Nas súas bases, primábase tamén o desenvolvemento de versións en galego dos proxectos, de xeito que se facilita a chegada ao mercado de contidos feitos en Galicia e no noso idioma.
Baixo o título Videoxogar galego, este acto contou coa participación de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Rubén Calles, presidente da asociación videoxogo.gal, e Galo Martínez, presidente da fundación MUVi e director do seu museo, o primeiro relacionado cos videoxogos en Galicia e dos poucos existentes en España que, como sinalou José López Campos, foi recentemente incorporado ao sistema de centros museísticos de Galicia.
Interviñeron, así mesmo, os responsables da meirande parte dos proxectos subvencionados para explicar as súas principais características e o estado de desenvolvemento. Para o conselleiro, estes oito títulos son “un claro exemplo do potencial das empresas galegas que contribúen a promover a marca Galicia tamén no eido dos videoxogos”.
Os proxectos subvencionados son Gato, o novo do estudio de videoxogos accesibles Iseltec; Macen-93, unha proposta baseada no narrativo e na investigación a partir de documentación real desclasificada, na que Aqueladas mestura realidade e ficción; o xogo de fantasía e supervivencia en 2D A nosa fantasía, inserido na serie de proxectos transmedia O noso pasar, de Melgo Cinema; Portalén, iniciativa de Cristela Torres Nine asentada no folclore musical e no patrimonio galegos; Sandwich Cat, producido por Testaferro a partir da curtametraxe homónima de David Fidalgo; o prototipo de cabina de control en realidade virtual para o xogo de exploración submarina subROV; Unicorn Wars, de DEP Games, a partir da longa de Alberto Vázquez gañadora do Goya á mellor película de animación en 2022, e Xerme, que Acariño Games presenta como unha experiencia inmersiva que explora os conceptos de orixe e evolución, ao tempo que convida a unha reflexión sobre o mundo natural.
Criterios de valoración
Ademais do interese e calidade artística e técnica, así como da contribución á promoción do idioma galego e á creación de emprego neste ámbito, na concesión destas axudas valorouse tamén a diversidade do público ao que se dirixen os proxectos, o seu carácter innovador, o seu potencial para xerar sinerxías con outros sectores, a súa viabilidade técnica e económica ou a incorporación de ferramentas de avaliación dos seus resultados.
As contías outorgadas destinaranse ás diferentes fases nas que se atopan estes videoxogos cara á súa posta a disposición do público: desde a súa creación e desenvolvemento, ata a produción, edición, distribución e comercialización.
Neste sentido, ofrécese un apoio integral aos contidos de selo galego no marco do compromiso da Xunta con este sector que, como indicou ou titular de Cultura, vese referendado pola petición unánime do Parlamento de Galicia para que os videoxogos se inclúan como parte indispensable do sistema cultural galego.