Nova: A Xunta homenaxea con ‘Rafael Úbeda. Visión retrospectiva’ as máis de sete décadas de creación artística dun imprescindible da cultura galega

08/04/2025

A Xunta homenaxea con ‘Rafael Úbeda. Visión retrospectiva’ as máis de sete décadas de creación artística dun imprescindible da cultura galega

A exposición abrangue unha ollada completa á traxectoria dun dos pintores máis notables en España con conexións en diferentes lugares e escolas de Europa

López Campos subliña “o extraordinario valor dunha obra que enriquece a nosa historia da arte, creada por un autor dun talento inesgotable”

Comisariada por Pilar Corredoira, poderá visitarse ata o vindeiro 7 de setembro

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe no Museo Centro Gaiás a exposición Rafael Úbeda. Visión retrospectiva. A mostra abrangue as máis de sete décadas de traxectoria de Rafael Úbeda (Pontevedra, 1932), que, aos seus 93 anos,  presenta unha das grandes exposicións da súa vida, que poderá visitarse ata o vindeiro 7 de setembro.

López Campos sinalou “o extraordinario valor dunha obra que enriquece a nosa historia da arte, creada por un autor dun talento inesgotable”, un nome que representa “unha figura imprescindible da pintura galega do último século”. Xunto á súa capacidade creativa, o titular de Cultura da Xunta describiu a traxectoria vital de Úbeda “como unha fonte de inspiración para as xeracións novas de artistas tanto polo seu compromiso coa pintura como pola súa vontade constante de aprendizaxe”.

Na compaña do propio autor, o conselleiro enmarcou esta proposta “no compromiso do Goberno galego coa difusión do legado de artistas que deixaron ou que están a deixar pegada na nosa pintura”, e lembrou outros proxectos expositivos desenvolvidos no Museo Gaiás con protagonistas tan relevantes como Díaz Pardo, Laxeiro, José María Barreiro ou Jorge Castillo, entre outros.

No acto de inauguración estiveron presentes a comisaria, Pilar Corredoira; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Real Academia de Belas Artes, Manuel Quintana, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

Unha vida en chave artística

Úbeda, tras interesarse dende novo pola pintura, viaxou a Madrid nun camión de peixe para vivir varios anos na capital. Dende aí, trasladouse a Holanda e Italia, gañando galardóns como o Gran Premio Roma e vinculándose a artistas do mundo do cinema como o director Federico Fellini ou o actor de comedias Totó. Na actualidade, continúa pintando no seu estudo de Samieira (Pontevedra).

A exposición componse de 45 pinturas, 5 debuxos e unha peza audiovisual inédita para mergullarse no seu universo creativo. Úbeda desprega a súa vida en chave puramente artística e a súa obra pode entenderse como a construción dunha paisaxe interior-exterior que reflicte lugares, tempos e xentes.

Cun expresionismo case violento procura, a través da pintura, coñecer o verdadeiro camiño vital. A súa obra non se entrega ao que sucede de súpeto, senón que medita todo o que lle acontece e déixase impregnar polo que o emociona nun proceso lento, proxectando esta meditación na súa pintura.

Na exposición pódense atopar pezas dos inicios da súa carreira, como Natalia (1956), ou outras que pintou tan só hai un par de anos, como Sueño armónico (2023). A mostra conta cunha peza audiovisual inédita realizada por Miramemira, quen tamén creou un documental máis amplo que se pode ver na web da Cidade da Cultura.

Comparte