Nova: A Xunta aposta polo cinema en feminino e a versión orixinal galega na adxudicación de 3 M€ en axudas a 22 novas producións audiovisuais

29/10/2023

A Xunta aposta polo cinema en feminino e a versión orixinal galega na adxudicación de 3 M€ en axudas a 22 novas producións audiovisuais

Publícase a resolución definitiva desta convocatoria anual, que amplía a súa dotación en 500.000 euros e contribuirá á materialización de oito longas de ficción, seis documentais, unha película mais unha serie de animación, e seis curtametraxes

O 75 % destas subvencións destínase a fitas rodadas en galego e 18 dos títulos apoiados contan con equipos creativos maioritariamente femininos, 11 deles dirixidos tamén por mulleres

A suma dos orzamentos destes proxectos suporá a mobilización de preto de 19,5 M€ no audiovisual galego ata 2026

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia acaba de facer pública a resolución de concesión definitiva de tres millóns de euros en axudas a 22 novos proxectos de produción e coprodución audiovisual presentados por empresas galegas. Con este investimento, o Goberno autonómico contribuirá á materialización nos vindeiros anos de oito longametraxes de ficción, seis documentais, unha película mais unha serie de animación, e seis curtas, gran parte delas en versión orixinal galega e con equipos creativos maioritariamente integrados por mulleres.

En concreto, o 75 % destas subvencións destínase a fitas rodadas en idioma galego e máis do 85 % a proxectos unha destacada presenza feminina, tendo en conta ademais que 11 destes 22 títulos teñen cunha muller á fronte da dirección. Estas cifras son proba da efectividade dos cambios introducidos nesta convocatoria anual desde 2021 no sentido de incrementar as porcentaxes máximas de axuda que poden recibir aquelas fitas que, polas súas especiais características, adoitan atoparse con maiores dificultades canto ao seu financiamento, realización e distribución.

Financiamento de ata o 85 %

Nestes casos, poden financiar coa axuda da Xunta entre un 75 % e un 85 % do seu orzamento subvencionable, porcentaxes aplicables tamén na animación, documentais, curtametraxes ou obras de dirección novel, como as longametraxes de ficción O pesadelo das vacas, do realizador Rafael de los Arcos con Matriuska Producciones; A nadadora, de Sandra Sánchez con Setembro Cine, ou As augas, de Ledicia Sola con Maruxiña Film Company.

Ademais, nesta mesma liña de impulso ás rodaxes en idioma galego, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de ampliar nun 20 % a dotación inicial de 2,5 millóns de euros desta convocatoria en virtude do acordo subscrito entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales para o ao fomento da produción, distribución, exhibición e promoción da industria cinematográfica e audiovisual en lingua galega.

Consolidación do modelo autonómico de axudas

Os 22 proxectos finalmente subvencionados, cuxos orzamentos estimados suporán a mobilización de preto de 9,5 millóns de euros no audiovisual galego ata 2026, reflicten a riqueza e pluralidade creativa do sector na nosa Comunidade. Ao tempo, consolidan o modelo autonómico de axudas ao audiovisual galego, que a través de diferentes convocatorias específicas acompañan os proxectos xa desde a súa concepción e as fases previas de guión e desenvolvemento. De feito, sete das longas adxudicatarias en 2023 contaron en anos anteriores con apoio da Xunta de Galicia para o seu guión e/ou para os traballos de preprodución, seguindo exemplos de éxito como os de O que arde, Unicorn Wars ou O corno.

Na categoría de longametraxes de ficción, ademais das xa mencionadas O pesadelo das vacas, A nadadora e As augas, disporán deste financiamento os novos traballos de nomes tan coñecidos como Oliver Laxe (After, presentado por Los Desertores AIE), Ángeles Huerta (Castelao, de Retrincos AIE) e Diana Toucedo (Querer vivir un grito, de Miramemira), ás que se suman Vidas perras, de Giselle Llanio con Indígena Films, e a película de animación Decorado, de Alberto Vázquez, presentada por María y Arnold AIE. Recibirán entre 260.000 e 280.000 euros cada unha delas.

En longas documentais, son adxudicatarios de 80.000 euros cada un dos títulos Prefiro condenarme, de Margarita Ledo con Nós Produtora Cinematográfica Galega; Xalundes, de Xacio Baño con Rebordelos; Todo é cárcere, de Eloy Enciso con Filmika Galaika; Fomos ficando sós, de Adrián Canoura con Zeitun Films; O silencio herdado, de Lucía Dapena con Gaita Films, e Ana e mais nós, de María Yáñez con Miramemira.

Na modalidade de longas cinematográficas en coprodución internacional minoritaria, a fita de ficción Los invitados, de Frida Films, recibirá 150.000 euros, mentres que no apartado específico para curtas figuran outros seis títulos con cadanseus 15.000 euros: Despois, nada, de Carla Andrade, presentada por Gonzalo Veloso; 68 metros, de Xacio Baño con Rebordelos; Monstera, de Diego R. Aballe con Maruxiña Film Company; O corpo de Cristo, de Bea Lema con Abano Producións; Adeus, Berta, de Fernando Tato con Kraken Media, e Lucus, nova curtametraxe de animación de David Fidalgo con produción de Mala Herba. En canto ás obras para televisión e plataformas, Undodez disporá de 100.000 euros para a serie de animación para público infantil e xuvenil Bibopalula.

 

 
PROXECTO
DIRECCIÓN
PRODUTORA

Longametraxes de ficción e animación

O pesadelo das vacas
Rafael de los Arcos
Matriuska Producciones
A nadadora
Sandra Sánchez
Setembro Cine
As augas
Ledicia Sola
Maruxiña Film Company
After
Oliver Laxe
Los Desertores AIE
Castelao
Ángeles Huerta
Retrincos AIE
Querer vivir un grito
Diana Toucedo
Miramemira
Vidas perras
Giselle Llanio
Indígena Films
Decorado
Alberto Vázquez
María y Arnold AIE
Los invitados
Cristina Diz e Stefan Butzmühlen
Frida Films
Longametraxes documentais
Prefiro condenarme
Margarita Ledo
Nós Produtora Cinematográfica Galega
Xalundes
Xacio Baño
Rebordelos
Todo é cárcere
Eloy Enciso
Filmika Galaika
Fomos ficando sós
Adrián Canoura
Zeitum Films
O silencio herdado
Lucía Dapena
Gaita Films
Ana e mais nós
María Yáñez
Miramemira
Curtametraxes
Despois, nada
Carla Andrade
Gonzalo Veloso
68 metros
Xacio Baño
Rebordelos
Monstera
Diego R. Aballe
Maruxiña Film Company
O corpo de cristo
Bea Lema
Abano Producións
Adeus, Berta
Fernando Tato
Kraken Media
Lucus
David Fidalgo
Mala Herba

Serie de animación para público infantil

Bibopalula
Laura Mahía
Undodez
 

Comparte