Evento: Orballo Cultural: Tanxugueiras + Sheila Patricia
Orballo Cultural: Tanxugueiras + Sheila Patricia
Orballo Cultural celébrase nas 4 provincias galegas, con música en directo, natureza, artesanía e patrimonio.
Tanxugueiras
Mujeres fortes, valentes e empoderadas. Cantareiras dunha nova década. As voces de Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, cheas de virtuosismo e contundencia, son as máximas expoñentes dunha xeración aberta á evolución e reformulación das músicas de creación colectiva galega.
Co seu primeiro álbum homónimo, publicado en 2018, o trío inicia unha traxectoria que as leva a visitar, en só 3 anos, máis de 100 escenarios de todo o planeta acompañadas polas súas pandeiretas. No 2019 chega Contrapunto, un disco que incrementa as revolucións da música galega coa reinterpretación de coplas tradicionais, cheas de arranxos e harmonía diversas.
Neste 2021, as cantareiras libéranse de prexuízos para consolidar a identidade dun grupo que explora con curiosidade a fusión da tradición con sonoridades urbanas e modernas. O seu último single, Midas, con influencias de sons próximos ao trap ou á electrónica, pon o foco sobre unhas artistas audaces, chamadas a levar os ritmos e a enerxía da terra por escenarios de todo o mundo.
Con máis de 50.000 reproducións en Youtube na fin de semana da súa estrea, Midas é a carta de presentación das cantareiras do século XXI.
Sheila Patricia
Sheila Patricia é unha das voces da nova canción de autora en Galicia. Filla dunha galega e dun arxentino/asturiano. Podemos percibir perfectamente toda esta mestura nas súas composicións, con trazos característicos do folclore de ambos os lugares, sempre arroupada polas cordas dunha guitarra, un instrumento que unifica os dous continentes.Unha continua preocupación polo seu, pola súa terra onde actualmente reside, resplandece no discurso dos seus espectáculos actuais. Historias de mulleres, da súa avoa e das avoas que configuran a vida e a fortaleza feminina que porta Sheila.
A súa crianza, nas «Rías Baixas», próxima á fronteira con Portugal, non deixan indiferente á súa percepción da música. Sheila, ten ese modo de cantar, similar ás veces ao «pranto» das fadistas, cun marcado ?rubato» e con gran profundidade na interpretación.
Actualmente Sheila investiga na mestura dos sons máis actuais e electrónicos, conservando a esencia do acústico, cun traballo tributo á muller do campo galega, que verá a luz no mes de Abril 2021.
Máis eventos de tipo Concerto