Evento: Melancoholemia
Melancoholemia
Na fronteira da cordura e a alienación, da diferenza radical entre a realidade e a percepción do real, da perplexidade como actitude vital fronte ao sedante do conformismo xorde «Melancoholemia. Vida de Mamarracho». O protagonista deste sorprendente e descarnado relato é o anfitrión na xornada de portas abertas dunha institución de saúde mental que, desde un escenario, debulla o rocambolesco relato dun ser patético e sen personalidade que percorre lugares (e tempos) insólitos -desde «O Xardín das Delicias» do Bosco ata os restos mergullados do submarino ruso Kusk, pasando pola antiga Suevia galaica- introducindo elementos da cultura contemporánea: coñecidas marcas comerciais, personaxes de cómic, o fracasado proxecto do mundo virtual Second Life, iconas do patrimonio histórico e cultural galego.
Antón Reixa canaliza, a través da ironía e do humor, a súa conciencia crítica; a capacidade para revelar a parte oculta do iceberg iluminando aspectos do cotián. Velaí a crise, o despoboamento, o colapso ecolóxico, o poder totalitario, a identidade colectiva e outros desfíos da posmodernidad. Co apoio dunha variada selección de imaxes de Antonio Segade, a palabra -e a súa representación- adquire o protagonismo desta obra impresa que conta cunha versión escénica, híbrido multidisciplinar entre performance, videocreación e dramaturxia.
Máis eventos de tipo Xornada/Congreso