Evento: Concepción Arenal | A Lei é a conciencia da humanidade
Concepción Arenal | A Lei é a conciencia da humanidade
Posiblemente a todo o mundo sóalle o nome de Concepción Arenal. Todos lembran seguramente o nome dun colexio, dun instituto, dunha rúa ou praza, ou dunha institución pública que leva tal apelativo. Pero sería moito máis difícil atopar alguén que saiba explicar, aínda que sexa en dúas palabras, por que nalgún momento alguén decidiu darlle tal honra á posuidora de tal nome.
Porque Concepción Arenal, unha muller altamente considerada e estudada en medios académicos internacionais, é unha gran descoñecida para moitos dos galegos. Unha muller que foi ensaísta, diplomada en dereito, xornalista, defensora dos dereitos da muller e dos sectores máis desvalidos da sociedade, reformista, poeta, dramaturga, traballadora social, defensora do papel humanitario das persoas e das institucións, apenas é lembrada, polos máis cultos, e como afastado eco, pola súa vertente de reformadora do sistema penal e defensora dos presos.
Pero foi, poderémolo ver nesta exposición, moito máis, e con moita máis intensidade e dedicación do que podamos imaxinar.
Deste xeito, e en calidade dunha pequena mostra da inmensa produción intelectual desta muller incomparable, a Biblioteca de Galicia seleccionou algo máis de 65 obras dos seus fondos. A exposición, que se poderá visitar no vestíbulo do Edificio do Arquivo e Biblioteca de Galicia ata finais de ano está articulada en base a seis eixos temáticos:
A primeira das vitrinas está dedicada ás biografías publicadas sobre Concepción Arenal.
Na segunda móstranse algunhas das súas primeiras composicións: poemas, obras de teatro, artigos na prensa, fábulas en verso e tamén reproducións dalgunha das súas cartas, como a que custodia a Biblioteca do Mosteiro de Poio destinada a unha das súas amigas.
Nas vitrinas 3 e 4 pódense ver algunhas das súas obras máis importantes en relación con dúas dos grandes temas da súa produción intelectual, a cuestión social e o dereito. As ideas de Concepción Arenal ao redor da beneficencia e o dereito penal foron moi adiantadas para o seu tempo, o mesmo que o seu pensamento sobre a muller e a educación, tema ao que está dedicado á penúltima das vitrinas.
Por último a Biblioteca de Galicia quere resaltar a vixencia das ideas de Concepción Arenal a través dos libros infantís publicados recentemente para non esquecer a voz poderosa desta muller excepcional.