Evento: Culturgal 2020

Culturgal 2020
venres, 27 novembro, 2020 a domingo, 29 novembro, 2020
Evento online e presencial,
Pontevedra

Culturgal 2020

A meirande parte dá programación poderá verse desde a casa na páxina cultur.gal e en Youtube

O calendario completo de actividades de Culturgal 2020 engloba máis de 70 propostas culturais nos ámbitos da música, escena, literatura, arte e ciencia.

Esta edición estrutúrase arredor de catro espazos no Pazo da Cultura e no Teatro Principal de Pontevedra: Cinema, Foro, Escena e Libro, dos que os tres últimos serán accesibles para o público desde as súas casas a través das súas respectivas canles na páxina cultur.gal e en YouTube. En canto á asistencia presencial, para garantir o acceso será preciso retirar previamente o convite na web do evento.

Plan de reactivación do sector
Pola súa banda, a Xunta de Galicia renova un ano máis o seu compromiso con Culturgal como principal patrocinadora do evento, ao que apoia no seu labor de proxección social das industrias cultuais galegas e especialmente na súa adaptación ás actuais restricións sanitarias a través dunha ambiciosa retransmisión en liña que busca abrirse a un público máis numeroso. Con tal fin, un amplo equipo audiovisual súmase a esta 13ª edición para ofrecer 20 horas de emisión, que recollerán a meirande parte da programación que se desenvolverá o sábado 28 e o domingo 29 en Pontevedra.

Ademais dunha contribución económica de 65.000 euros, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade involúcrase na configuración do programa, ao que achega unha vintena de actividades culturais entre concertos, proxeccións, actuacións escénicas e presentacións. É o caso de seis dos espectáculos ao vivo que poderán verse neste encontro no marco do Fondo de Proxectos Culturais 2021: os concertos de Susana Seivane (sábado 28, ás 18,30 h.), Luar na Lubre (sábado 28, ás 20,30 h.) e Os d’Abaixo (domingo 29, ás 20,00 h.) e as montaxes escénicas Sofía unipersonal, de Inversa Teatro (sábado 28, ás 21,00 h.); Karelu, de Os Náufragos Teatro (domingo 29, ás 13,00 h.), e Ópera Break’s, de Vella Escola (domingo 29, ás 19,15 h.).

A Consellería de Cultura promove, así mesmo, a proxección o domingo 29 da restaurada versión polícroma do documental de 1927 'Pontevedra, cuna de Colón', peza de Enrique Barreiro pioneira na experimentación para dotar de cor a imaxe cinematográfica.

Culturgal será tamén o escenario para a presentación de diferentes iniciativas da Xunta no ámbito da cultura dixital, da promoción da economía social e da dinamización lingüística co programa Galego e +, así como da actividade da Cidade da Cultura de Galicia co festival Escenas do Cambio ou as exposicións Galicia, de Nós a nós e As miradas de Isaac, ou as producións que prepara o Centro Dramático Galego, entre outras.

Protagonistas
Ledicia Costas, Manuel Rivas, Berta Dávila, Antón Patiño, Alberto Vázquez, Kiko da Silva e Elba Pedrosa serán algúns dos protagonistas do espazo Libro, mentres que o Foro centrarase nas artes escénicas, poesía ou performance con nomes como Mónica Mura, Carlos Varela, Rosalía Fernández Rial, Antón Reixa, Aldaolado ou Ana Romaní, ademais dos mencionados espectáculos de Inversa Teatro e Vella Escola, entre outros.

Pola súa banda, os concertos poderán ser seguidos desde o Auditorio do Pazo da Cultura a través da Canle Escena, mentres que o espazo Cinema será o único no que o acceso do público será exclusivamente presencial. Nel proxectaranse títulos recentes do audiovisual galego, a meirande parte deles producidos con subvención da Xunta de Galicia, como A illa das mentiras, Arima, Longa noite, A media voz ou Ons.

O pase desta última longametraxe, dirixida por Alfonso Zarauza, será precisamente o evento central da xornada de apertura de Culturgal o venres 27, para o que se contará tamén co concerto do grupo Chicharrón, que interpreta o tema principal da banda sonora de Ons.

Culturgal está promovida pola asociación homónima, que engloba á súa vez as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

toras Independentes (Agapi).

Máis eventos de tipo Xornada/Congreso

Os temas da arte: Tirando do fío
2 de abril a 28 de maio
Museo de Belas Artes
Encontro Epilepsia: investigación e innovación compartida
19 de maio
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Peza do mes: Cáliz tardogótico
1 de maio a 31 de maio
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
Charla e presentación do cómic "Gloria"
9 de maio
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal