Evento: 15ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE)

15ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE)
luns, 23 marzo, 2020 a domingo, 29 marzo, 2020
Museo do Pobo Galego,
Santiago de Compostela

15ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE)

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico xorde en 2006 e celebrará a súa décimo quinta edición do 23 ao 29 de marzo de 2020 en Santiago de Compostela.

A MICE deseñouse como un evento do Museo do Pobo Galego para dar a coñecer os traballos audiovisuais relacionados coa etnografía e a antropoloxía, disciplinas científicas nas que se enmarca o traballo do Museo, unha entidade que, despois de máis de catro décadas de existencia, ten que asumir o reto de traer ao presente unha parte fundamental do noso patrimonio. A MICE pretende xerar un espazo de diálogo, de reflexión e de intercambio arredor da confluencia entre a antropoloxía social e cultural e a teoría e a práctica cinematográfica.

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico ten entre os seus obxectivos ir máis alá do exótico, do primitivo ou do tradicional, valores errados aos que nos remite moitas veces o etnográfico. A antropoloxía e a etnografía son disciplinas de longa traxectoria e práctica de estudo dentro dos procesos culturais. Estas ciencias estudan as persoas e os contextos do presente, así como os cambios sociais e a diversidade cultural da época na que nos tocou estar. Son estudos sobre nós, exercicios da antropoloxía científicos pero tamén nos que hai lugar para o poético nese ollármonos como a un outro ou unha outra. A MICE ofrécenos isto traendo as pantallas do festival fitos do cinema etnográfico que son tamén, en moitos casos, fitos da historia fílmica xeral, experiencias recentes e anovadoras, traballos que van da factura clásica ao cinema máis experimental e radical. Aínda que a MICE conta cunha orientación moi especializada, abrangue coordenadas estilísticas e temáticas diversas, polo que a actitude do festival é inclusiva na creación dun espazo social compartido para todos e todas en torno ao cinema e o audiovisual.

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, do AGADIC, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia.

Máis eventos de tipo Proxección audiovisual

Casablanca
7 de abril
Filmoteca de Galicia
Atención a esa prostituta tan querida
7 de abril
Filmoteca de Galicia
Atención a esa prostituta tan querida
8 de abril
Filmoteca de Galicia
Ciclo de cine de primavera no Museo de BBAA da Coruña
Museos de cine
8 de abril a 29 de abril
Museo de Belas Artes