Evento: A casa que me mora
A casa que me mora
Ángel Estévez Casal é o avó da cineasta Anxos Fazáns. Durante os últimos anos recolleu, ordenou e pasou a ordenador os seus poemas. Agora, aos 82 anos, publica o seu primeiro libro.
Traballou como perito agrícola en varias zonas rurais de Galicia e tamén en Compostela e ao longo da súa vida foi escribindo poemas, que estaban dispersos entre os seus libros, en pequenas notas perdidas entre estanterías.
Despois da súa xubilación e sobre todo ultimamente, desde que non pode traballar nas leiras, comezou a ordenar e correxir os seus escritos. Aprendeu a usar o ordenador para transcribilos e foi organizándoo en varios poemarios. A casa que me mora é o primeiro deles, con máis de 50 poemas.
Ángel é de Marín, mais traballou media vida na capital galega. Durante o acto de presentación na Libraría NUMAX presentarase unha pequena peza audiovisual autoría de Anxos Fazáns (Pontevedra, 1992), que o ano pasado estreaba a súa ópera prima como directora, a longametraxe A estación violenta.
Ademais do poeta e a cineasta estará na presentación a xornalista e poeta Xiana Arias Rego.