Evento: Alguén que respira!

Alguén que respira!
mércores, 21 marzo, 2018 a sábado, 24 marzo, 2018
Teatro Principal,
Santiago de Compostela

Alguén que respira!

I Festival de Poesía para Corpo Principal organizado polo Concello de Santiago co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Durante catro días, o Teatro Principal de Santiago acolle un completo programa de recitais, conferencias, diálogos e proxeccións que reúne algunhas das voces máis singulares e importantes da poesía galega e internacional, desde María Xosé Queizán a Olvido García Valdés, pasando por Andrew McMillan, Raquel Lima, Estíbaliz Espinosa, Olga Novo ou Niño de Elche, creador revolucionario do cante flamenco que traerá a Compostela o seu impactante espectáculo poético, exhibido só de forma esporádica.

O festival inaugúrase o 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, coa lectura do manifesto que este ano se lle encargou a María Xosé Queizán. O mesmo día 21, ás doce do mediodía, unha salva de foguetes celebrará tanto a xornada como o inicio do programa, que nesta primeira edición ten dous temas centrais: a oralidade na base do impulso poético e os procesos de creación lírica nos territorios en conflito bélico, con especial atención aos refuxiados. O primeiro dos recitais terá lugar ás oito da tarde do día 21, coa intervención de Andrew McMillan, Olga Novo, Olvido García Valdés, Salvador García Bodaño, María Sevilla e María Xosé Queizán.

As actividades da segunda xornada, o xoves 22, comezarán ás cinco da tarde cun café-diálogo no que participan Andrew McMillan e Olvido García Valdés acompañados por Isaac Xubín (tradutor de McMillan) e Ana Romaní. A partir das sete da tarde terá lugar o recital Catro graos de abertura, título que fai referencia aos catro graos de abertura das vogais en galego e que, nun programa dobre, inclúe dous enfrontamentos de regueifa (Alba María con Queco Díaz e Lupe Blanco con Suso de Xornes) e un torneo de slam, coa participación dos mellores slamers que actualmente traballan en Galicia e Portugal: Duke Sam, Nuria Vil, Oriana Méndez, Carlos da Aira, Esther Carrodeguas, Raquel Lima e Vítor Hugo Moreira. O torneo, con acompañamento musical de Velpister, estará presentado por Silvia Penas. Para pechar a xornada, a partir das dez da noite, o recital Poesía no fío ofreceralles aos espectadores a proposta nos lindeiros poéticos que formulan, conxuntamente por encargo do festival, Clara Gayo, Carlos Santiago e Zé Paredes.

O venres 23 divídese en tres seccións, que abranguen desde a poesía performática á videopoesía. Ás seis e media da tarde, o festival propón no recital Atravesei a verxa un percorrido por insólitos espazos do Teatro Principal a través das voces de Isaac Xubín, Luísa Castro, Xabier Xil Xardón e Javier Peñafiel. Os espectadores non só se adentrarán en liñas de recitación personalísimas, senón que tamén descubrirán ámbitos do teatro con acceso restrinxido, como o faiado, as terrazas ou os camerinos. A partir das oito da tarde, celebrarase unha sesión centrada na Escrita en conflito, título que reúne o testemuño directo de Miguel-Anxo Murado sobre a Literatura nos espazos de conflito bélico, e o recital do refuxiado sirio Mohamad Frias Alshaheen e do saharauí Bahia Mahmud Awah, presentado por Iván Prado, responsable da organización Pallasos en Rebeldía. A xornada pecharase a partir das nove e media da noite coa proxección de varios videopoemas de Miriam Reyes, Estela Pan, Cintaadhesiva e Celia Parra.

O sábado 24, o festival clausúrase cun recital ás dez da noite, presentado por Ana Romaní, no que participan Estíbaliz Espinosa, Ana Vallés, Nuria Sotelo e Lupe Gómez, ademais de Niño de Elche.

As entradas, gratuítas, pódense retirar da taquilla do teatro dende o día 15 de marzo.

Máis eventos de tipo Festival

Barbeira Season Fest 2023
7 de xuño a 11 de xuño
Varios espazos