Evento: Concerto de Donicelas
Concerto de Donicelas
Xorde este grupo en 1992, nun obradoiro de música tradicional, dentro das actividades escolares do colexio Altamira.
O grupo Donicelas de Salceda de Caselas, logo de máis de vinte anos de andaina na música tradicional, presentan o seu segundo traballo discográfico, titulado Donicelas. Na gravación realizada en Estudios Ancestral (Ponte Caldelas), o grupo conta coa colaboración de artistas invitados como Uxía Senlle, Paulo Nogueira, Isaac Millán, Miriam Lorenzo e antigos compoñentes que estiveron no grupo (Xosé L. Sanromán, Xulio Lorenzo, Isa Troncoso, Tere Pérez e Olaia Alonso).
O seu repertorio baséase en pezas populares da música tradicional. Neste último traballo contan tamén con pezas de autores como Paulo Nogueira, compositor da muiñeira que dá título ao disco, Donicelas; Xesús Díaz (compoñente do grupo), compositor da Rumba dos Anaquiños; e por último Xulio Lorenzo, autor da muiñeira de Mos incluída no arranxo de Costureiriña.
Donicelas está formado por Andrea Rodríguez (voz, pandeireta, cunchas e triángulo), Bea Pérez (voz, pandeiro, cunchas e tamboril), Noelia Martínez (voz, pandeireta, cunchas, triángulo, claves e bombo), Rosa González (voz, pandeiro, cunchas, tamboril e bombo), Víctor González (voz e acordeón), Xesús Díaz (voz, cunchas, whistle e gaita).



