Evento: Romaría da Virxe da Franqueira
Romaría da Virxe da Franqueira
Os montes da Paradanta albergan o Santuario da Virxe da Franqueira, documentado como mosteiro beneditino do século XI e ata aquí chegan centos de persoas de Galicia e o Norte de Portugal para honrar a esta Virxe, “alcaldesa” da Cañiza, a cuxa imaxe se lle deu culto xa no século VII. As dúas multitudinarias citas coa Virxe da Franqueira (o luns de Pentecoste e o día 8 de setembro) son manifestacións de devoción mariana que ocupan un lugar destacado entre as festas relixiosas de Galicia e que, pola súa antigüidade, orixinalidade, son de interese turístico.
O momento máis emotivo ten lugar tras a misa solemne das doce da mañá, cando a Virxe é levada en procesión montada nun carro tirado por unha parella de bois cos ollos tapados (conta a lenda que deste xeito guiou aos paisanos cara ao enclave onde tiñan que construír o seu santuario). Durante o seu percorrido, párase a contemplar as antiquísimas danzas de Santa María da Franqueira e a representación da loita entre o príncipe mouro e un devoto cristián, en recordo dun dos milagres máis coñecidos que se lle atribúen á Virxe da Franqueira: a liberación dun cristián preso en Arxel. A festa relixiosa remata coa tradicional comida campestre nos arredores do santuario.
Máis eventos de tipo Festa/Feira popular
