Evento: A furia da amanita

  • a-furia-da-amanita
A furia da amanita
sábado, 6 xuño, 2026 - 18:00
Salón Teatro,
Santiago de Compostela

A furia da amanita

Unha coprodución do Centro Dramático Galego e Redrum Teatro

Despois dunha década vivindo no estranxeiro, Irene regresa á casa da súa infancia para atoparse cun pai recluído no silencio e a rutina. Entre diálogos fragmentados, recordos intermitentes e tensións ideolóxicas, ambos os dous intentan reconstruir un vínculo roto pola perda, a distancia e os reproches. A furia da Amanita é unha obra sobre o dó, o choque xeracional, a conciencia social e a imposibilidade de fuxir do pasado.

A furia da amanita trata temas universais, contemporáneos e de actualidade como son a guerra e a nosa resposabilidade individual e colectiva con respecto a ela; as relacións parterno-filiais; os conflitos interxeracionais; os traumas da infancia; ou a nosa relación coa morte e a súa aceptación. Trátase dun fabuloso texto cheo de metáforas sobre a nosa relación co medio e a destrución que provoca o ser humano.

Un dos puntos máis interesantes deste texto é a intriga, mantendo en albas ao espectador e desvelando ao longo da peza a realidade dos seus protagonistas, o seu pasado e as causas da súa separación. Ademais o texto deixa incógnitas sen resolver, apostando pola forza da imaxinación do público e posibilitando que poida pechar a totalidade da historia.
Nunha sociedade dominada pola velocidade, o ruído dixital e a perda de vínculos emocionais, A furia da amanita propón unha experiencia de escoita íntima e honesta, onde o amor, o silencio e o trauma se entrelazan sen artificios. O regreso dunha filla á casa familiar convértese nun proceso de memoria viva e nun espello das feridas herdadas do patriarcado e da masculinidade tradicional.

A través do personaxe do pai, a obra explora o dano do silencio e da represión afectiva, convidando á reconciliación e á transformación interxeracional. Ao mesmo tempo, introduce unha dimensión poética e ecolóxica, simbolizada polos fungos e o micelio, que representan os vínculos invisibles que sosteñen a vida e a memoria.

A furia da amanita aborda con honestidade e compromiso temas como a identidade, a culpa, a reparación e a esperanza.

 

FICHA ARTÍSTICA

Dirección: Guillermo Carbajo e Alex Sampayo
Texto e Dramaturxia: Santiago Cortegoso

Elenco: Sheyla Fariña e Miguel Borines
Deseño de iluminación: Carlos Álvarez-Ossorio
Deseño de escenografía: José Perozo
Espazo sonoro: Davide González
Deseño de vestiario: María Illobre
Produción: Redrum Teatro
Distribución: Guillermo Carbajo

 

O texto de Santiago Cortegoso foi gañador da Bolsa de Dramaturxia e Creación do Centro Dramático Galego 2024/25.

O autor sitúa esta historia na Fábrica de Armas da Coruña, como se reflicte no título inicial do proxecto Santa Bárbara, que o autor renomeu como A furia da amanita tras o seu proceso de escrita. O texto arranca no ano do peche da factoría, en 2017, para contar a relación dunha filla e do seu pai, quen traballou na empresa desde os 17 anos ata alcanzar un posto de alta dirección nela. O conflito interxeracional prodúcese cando a filla, na súa madurez, adquire uns valores políticos e sociais que chocan co que representa o seu pai.

Entradas á venda na web de ataquilla

Outras datas

Máis eventos de tipo Espectáculo

Imaxe
Hocus Pocus
2 de maio
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Imaxe
Odiseicas: as que tecen a historia
11 de maio
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Do reino (e) dos amores proscritos
14 de maio
Auditorio Municipal Gustavo Freire
Mitos, lendas e cantigas. Homenaxe a Begoña Caamaño
15 de maio
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés