Evento: Sesión 2. Identidades e memoria no capitalismo

Sesión 2. Identidades e memoria no capitalismo
mércores, 11 marzo, 2026 - 20:30
Filmoteca de Galicia,
A Coruña

Sesión 2. Identidades e memoria no capitalismo

VV.AA., 2002-2022

1977 (Peque Varela, 2007, 8 min)

Unha pequena cidade, un nó que medra e unha meniña na procura da súa identidade. Animación de autora, unha narración con doses autobiográficas para unha curta realizada como proxecto de graduación para a Universidade de Westminster chea de talento, uso simbólico do son e achados visuais capaz de percorrer medio mundo e visitar festivais como Sundance, Clermont-Ferrand, Indielisboa, Gijón e Bafici.

Gato encerrado (Peque Varela, 2010, 12 min)

Nun mundo cheo de desigualdades, saír adiante é unha aventura moito máis complicada para os gatos que nacen con sete vidas que para os que chegan ao mundo con nove. A loita de clases –case a modo de clarividente anticipación do Brexit- con sinxeleza, enxeño e espírito combativo, que emprega os gatos como excelente metáfora, e que demostra que a animación tamén ten os adultos como destinatarios.

La memoria interior (María Ruido, 2002, 32 min)

Este traballo, produto dunha viaxe a Alemaña e dunha investigación persoal de varios anos de duración, aborda o tema da construción da memoria e dos mecanismos de produción da historia.

A través do relato da historia da miña familia, indaga no recordo da recente emigración desde o estado español a Europa, e reflexiona sobre os mecanismos do esquecemento e o recordo, recuperando a idea da construción da memoria como un nexo e un diálogo, e a elaboración a partir da experiencia persoal fronte á idea de historia e de memoria oficial, restrinxida ao institucional e articulada ao redor da desactivación dos suxeitos políticos. Esta película insiste, como algúns outros traballos anteriores, na capacidade de construción da historia por parte de todas e todos, e sobre a necesaria articulación da experiencia persoal e colectiva para a elaboración dunha política da memoria diversa e heteroxénea.

La memoria interior subliña tamén o protagonismo do corpo como territorio de memoria e ausencia, e como axente político: a política migratoria do estado español dos 60 e 70 é tamén unha forma de biopolítica e de control sobre os traballadores, con consecuencias profundamente desestabilizadoras para as subxectividades. Os corpos emigrantes son corpos rexistrados, transeúntes necesarios, fluxo de forza de traballo obrigada ao desprazamento, e ausentes lembrados que retornan anos máis tarde.

Este é un ensaio ao redor da recuperación deses corpos e os seus traballos, e ao redor dos esquecementos desa ausencia a partir dunha experiencia, a miña propia, marcada pola necesidade de lembrar e de relatar esta historia para reivindicar outras formas de narrar lonxe das xerarquías tradicionais. (María Ruido)

Naoko (Aranxa Vicens, 2021, 11 min)

Damián é un profesional do audiovisual galego que se adentra no seu faiado rebuscando entre os recordos almacenados. Sachiko é unha cociñeira xaponesa que, cunha personalidade moi espontánea, relata a súa infancia. Ambos poñen en común os seus presentes ao nacer Naoko, a súa filla, que supón un punto de reflexión para o que significa ser unha familia de tres ante un futuro incerto.

Mariví, na pel da memoria (Laura e Coral Piñeiro, 2022, 14 min)

En 1936, Mariví Villaverde tivo que marchar a Francia e deixar a súa vida atrás. O Golpe de Estado do 36 gravou para sempre no seu nome a violencia da ditadura e do exilio, por iso fixo da súa vida unha loita pola memoria da súa familia e de todas as persoas que defenderon a democracia.

​Case noventa anos despois, unha rapaza da vila natal de Mariví decide levar o seu espírito á pantalla. Coa esperanza de que ninguén borre da historia colectiva e, coma ela, coa forza das imaxes como arma contra o esquecemento.

Curtametraxe de remontaxe creada para o Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra no marco da celebración do centenario do aniversario de Mariví Villaverde.

Máis eventos de tipo Proxección audiovisual

Ciclo de cine de primavera no Museo de BBAA da Coruña
Museos de cine
8 de abril a 29 de abril
Museo de Belas Artes
Curtas Guillermo Galoe
15 de abril
Filmoteca de Galicia
El mundo conectado
16 de abril
Filmoteca de Galicia
Ciudad sin sueño
16 de abril
Filmoteca de Galicia