Evento: Ama con orgullo

Ama con orgullo
sábado, 28 xuño, 2025 a venres, 29 agosto, 2025
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal,
Santiago de Compostela

Ama con orgullo

Mostra bibliográfica

Na biblioteca Ánxel Casal sumámonos un ano máis á celebración do Día do Orgullo cunha escolma variada de ítems de temática LGBT. As súas orixes remóntanse ao verán de 1969, cando o día 28 do mes de xuño produciuse un enfrontamento entre a policía e os asistentes a un popular bar gay chamado Stonewall Inn, no Greenwich Village de Nova York. As redadas policiais, que eran habituais e a miúdo inxustificadas,derivaron en fortes protestas espontáneas que se estenderon durante varios días. Un ano despois organizáronse as primeiras marchas en Nova York, Chicago, Los Ángeles e San Francisco, e pouco despois exportáronse a distintas capitais europeas como París, Berlín e Estocolmo. En España, a primeira manifestación do Orgullo celebrouse en plena Transición, en 1977, aínda que non foi legalizada ata 1978. Co paso do tempo, foi Madrid a cidade que se presentou como herdeira do Día do Orgullo a nivel nacional e internacional. En Galicia, Vigo foi a primeira localidade en celebrar este día no ano 1981.

Máis de medio século despois de que esas voces resistentes articuláranse nun movemento contestatario que denunciaba a exclusión e os prexuízos contra as sexualidades e identidades minoritarias, o Día do Orgullo fica na actualidade como unha xornada, xa non só de denuncia social, senón tamén de dignificación e autoexpresión alegre.

A nosa selección para conmemorar o Día do Orgullo 2025 abrangue distintos eidos do coñecemento, a filosofía, as ciencias sociais, a literatura, o cine, o cómic e o resto de manifestacións artísticas. Desde personalidades literarias como Safo ou García Lorca, pasando por viñetistas como Ralf König e pensadores queer como Judith Butler ou Paul Preciado, ofrecemos un catálogo variado de obras que invitan á reflexión, que estimulan, que conmoven e que divirten a partes iguais.

Pode visitarse no 2º andar durante o horario de apertura da biblioteca.

Máis eventos de tipo Exposición

Mandala (Arc en ciel)
18 de outubro a 7 de setembro
Rúa de Ramón del Valle-Inclán, 5
Mulleres artistas: aprendendo o oficio
11 de marzo a 31 de decembro
Lugar de la Ciudad de la Cultura
Somos un Ribeiro diverso
1 de abril a 31 de decembro
Museo Etnolóxico de Ribadavia