Evento: Os suicidantes
Os suicidantes
A Asociación Fotoforum Compostela, entidade con doce anos de traxectoria que ten entre os seus obxectivos a promoción e defensa da lingua e da cultura galegas a través da fotografía, presenta, con motivo do Día das Letras Galegas 2025, un proxecto expositivo colectivo que toma como punto de partida a banda deseñada Os suicidantes, con guión de Diego Ameixeiras —autor residente na nosa cidade— e ilustracións de Tomás Guerrero, publicada por Xerais no ano 2023. A obra propón un futuro distópico ambientado en Santiago de Compostela.
O proxecto, patrocinado pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, inspírase no argumento e na estética de Os suicidantes, que se reflicte en 64 fotografías de inspiración noir, creadas por 23 persoas da asociación.
A mostra pode visitarse na libraría Couceiro entre o 17 e o 30 de maio, durante o horario habitual de apertura ao público. No propio Día das Letras Galegas repartíronse copias das fotografías en distintos espazos públicos do Casco Histórico, que se puideron non só contemplar, senón tamén levar, facilitando así o achegamento ao proxecto e á nosa asociación.