Evento: Charla e presentación do cómic "Gloria"
Charla e presentación do cómic "Gloria"
Ámbolos dous falarannos da obra Gloria e do seu proceso de creación. Trátase dun ambicioso proxecto que nos traslada ata a Compostela dos séculos XII e XIII e sitúa a acción nun intre especialmente relevante da historia e da creación artística medieval, tanto galega como europea: a construción do Pórtico da Gloria, considerado un dos cumios da arte universal.
En Gloria (Todo é obra de artistas), Pío e Lola plantexan unha ficción histórica arredor da entrada occidental da catedral compostelá, a principal deste templo orixinariamente románico, aportando unha interesante visión que transcorre ao longo de máis de tres décadas e que está protagonizada principalmente por Gloria, unha talentosa moza que resulta ser sobriña do Mestre Mateo e filla dun dos principais colaboradores deste na construción desta peza artística, obra mestra tanto na escultura e na arquitectura como na pintura (como amosa a recente restauración da súa policromía inicial).
En palabras de Pío e Lola: "Gustaríanos compartir con todos vós, lectores ou non, a experiencia que supuxo para nós, como debuxante e guionista, a creación desta obra. Foi unha viaxe afastada no tempo pero próxima no espazo, O espazo físico da catedral de Santiago de Compostela, a cuxa sombra case nos situamos e dalgunhas rúas desta cidade, que cambiaron moi pouco ao longo dos séculos. Todo isto nun momento particularmente relevante da historia como é a creación do Pórtico da Gloria. Foi unha experiencia francamente enriquecedora, tanto polo resultado como polo proceso de traballo en equipo, do que ámbolos dous puidemos aprender moitas cousas o un do outro. E nese proceso foi moi importante o valioso material, tanto gráfico como escrito, que contén a Biblioteca Ánxel Casal, e que pon a disposición de calquera que o necesite. A pesar de ser unha obra de ficción, era importante representar coa maior fidelidade posible unha época e uns edificios xa desaparecidos ou seriamente modificados, e para iso resultaba fundamental o acceso á obra dos historiadores que dedicaron a súa vida para investigar o noso pasado e dárnolo a coñecer."
No salón de actos. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.