Evento: As cunchas baleiras
As cunchas baleiras
Dez anos tardou Branca Novoneyra en escribir As cunchas baleiras, un libro que recolle unha serie de reflexións sobre o país e sobre a enfermidade, mais tamén sobre a propia natureza da política, na que ela se involucrou activamente durante unha década. Estes versos escuados ao tempo son testemuño da experiencia e da observación introspectiva, posición que lle permite construír unha particular linguaxe simbólica e mítica, propia da poesía da imaxinación. O silencio –asegura– vale máis que calquera concesión libresca e de acordo con ese principio, practica unha estratexia de máxima esixencia: concentra a palabra, ténsaa, próbaa no tempo e, se descubre que é verdadeira, gárdaa. A súa poesía está concibida para soster o pensamento desde un enunciado fragmentario, algo que en As cunchas baleiras se fai patente como en ningún dos libros que ata agora publicase. Compostela, por suposto, é a cidade das cunchas baleiras. No acto, que terá lugar o mércores 31 de maio ás 20h30 na Libraría NUMAX, a autora estará acompañada do editor Antón Lopo e da poeta Olalla Cociña.