Axudas, subvencións e bolsas : V Intercambio poético Galicia - Irlanda en Residencia

V Intercambio poético Galicia - Irlanda en Residencia
A Xunta de Galicia acaba de lanzar a convocatoria da quinta edición do programa de intercambio literario, que ten como obxectivo reforzar a proxección internacional das letras galegas. Trátase dunha iniciativa que conta coa colaboración do Goberno galego para a realización dunha estadía nunha residencia literaria para poetas galegos en Irlanda e poetas irlandeses en Galicia.
O autor ou autora galego seleccionado viaxará en setembro ao Condado de Monaghan para traballar na súa escrita creativa desde o Centro Tyrone Guthrie de Annaghmakerrig, situado no contorno de Newblis do Condado de Monaghan, Irlanda. Trátase da que fora casa familiar do director teatral Sir Tyrone Guthrie e que se emprega como retiro artístico.
Pola súa banda, o autor irlandés beneficiario da bolsa fará o propio nunha estadía tamén en setembro na Residencia Literaria 1863 na Coruña, un apartamento do século XIX no casco histórico herculino.
Solicitudes ata o 23 de maio
As solicitudes para concorrer ao Intercambio poético Xacobeo na residencia Aodh Ruadh ó Domhnaill poderán presentarse ata o 23 de maio ás 22,00 horas, remitindo un correo electrónico coa documentación ao enderezo 1863coruna@gmail.com.
Cada autor poderá presentar unha única solicitude, incluíndo unha bio-bibliografía, unha memoria do proxecto literario poético que se pensa desenvolver durante a residencia en intercambio, unha carta de motivación e un dossier literario como mostra representativa do seu traballo.
Os proxectos presentados serán analizados por un comité de valoración composto por profesionais de recoñecido prestixio nas literaturas galega e irlandesa, que seleccionarán as mellores candidaturas en función da calidade artística e viabilidade do proxecto literario, da excelencia da traxectoria literaria previa do aspirante e da idoneidade da carta de motivación.
Estado de tramite:
En prazo
Prazo de presentación: 23/05/2025