Evento: Alicia Fernández e Berta Dávila
Alicia Fernández e Berta Dávila
Poemas e cousas que non son poemas. Alicia Fernández e Berta Dávila fan textos nos que irán desgranando, a dúas voces, os seus particulares universos poéticos, a súa perspectiva da familia, das relacións dentro e fóra do doméstico, a maternidade e, en fin, a vida.
Alicia Fernández (Escairón, 1987)
Poeta de longo percorrido, ten publicados dous libros de poesía: Botar o mar polos ollos (Edições Tema, 2005) e Mamá pelicano (Espiral Maior, 2020). Con Mamá pelicano recibiu o premio Fiz Vergara Vilariño no ano 2019. Nel, disecciona a relación entre ser nai e ser filla, a idea da familia truncada, e configura unha imaxe e memoria do pasado que se conforman como porta para o futuro.
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987)
Narradora e poeta, autora de tres obras de poesía e unha decena de obras narrativas. As súas dúas últimas novelas, Os seres queridos e Un elefante na sala de estar foron gañadoras do premio Xerais e do Premio Jules Verne, respectivamente, no ano 2021. Se no seu poemario Raíz da fenda o tema central era a familia, Os seres queridos xira arredor da experiencia da maternidade e dos vínculos afectivos.