Evento: Creatividade e Procesos
Creatividade e Procesos
Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950) é todo un referente do deseño gráfico en Galicia. Constátano as catro décadas coroando o deseño da marca Sargadelos, os douscentos cincuenta carteis de eventos culturais e os súas máis de trescentas ilustracións para libros; pintor de grandes murais e autor de diversas esculturas conmemorativas.
A FUNDACIÓN ARTIAGA promove agora a exposición Xosé Vizoso. Creatividade e procesos presentando por primeira vez ante o público ese mundo procesual descoñecido, que enriquece notablemente a súa longa traxectoria artística.
Ao longo da exposición, o espectador descubrirá un mundo cheo de xestualidades esvaecidas durante o proceso creativo que fan que a obra de Vizoso abandone a comodidade de estar catalogada entre as marxes do deseño gráfico, a ilustración ou a artesanía, e pase a establecer un diálogo con aqueles
que descubren novos significados en cada reconsideración.
Aproveitando calquera soporte e momento, Vizoso esboza escenas, elabora retratos, rememora momentos e a persoas, deixando de lado o que estivese a facer e centrándose naquilo que quere representar. A súa incansable actitude creativa fai que pasar unhas horas con el sexa unha oportunidade para descubrir novas facetas artísticas nos seus estudos.
Foi o filósofo estadounidense John Dewey (1859-1952) quen en 1910 fixo un exhaustivo estudo das fases do pensamento creativo establecendo cinco niveles dentro do proceso: atopar unha dificultade, localizar e precisar a mesma, expor unha posible solución, desenvolver de forma lóxica a formulación proposta e, por último, a observación e procedemento experimental. Tres anos despois, o matemático francés Henri Pointcaré (1854-1912) sintetizou o proceso en catro etapas: preparación, incubación, iluminación e verificación, as cales foron reafirmadas e consideradas polo psicólogo inglés Graham Wallas (1858-1932), quen no seu libro A arte do pensamento (1929), ademais de introducir a creatividade como tema dentro da ciencia, consideraba esta capacidade como algo que salvaría á humanidade dun tráxico destino, algo universal sempre e cando existise a inspiración. A maior achega de Wallas foi que, non tendo que ser necesaria mente a orixe do proceso, a inspiración poderíase atopar a condición de que se tivese a mente aberta a ato par esas musas das que tanto se escoitaba falar no ámbito artístico e que o cerebro traballa de forma mesmo inconsciente buscando solucións ás inquietudes que fan do proceso algo etéreo, a non ser que este se rexistre.