Evento: Festival TerraCeo: Paco Ibáñez
Festival TerraCeo: Paco Ibáñez
Estreouse o 24 de xaneiro de 2019 en París e a partir de aí seguiu a presentación en diversas cidades: Madrid, Barcelona, Toulouse, Cap d´Agde, Valencia, Cartaxena, Xátiva, Fuenlabrada, Beira, Cádiz, Valmagne, Empuries, A Coruña, Carcassonne, Manresa, Sevilla, Pamplona, Bilbao? e continúa por diferentes cidades europeas e latinoamericanas.
Paco Ibáñez, convertido en lenda viva e punto de referencia para varias xeracións, ofrécenos no seu concerto, unha viaxe a través das cancións daquel momento histórico de 1969 e enlazaraas coas súas novas composicións.
As súas cancións transpórtannos a un espazo de amor e liberdade, un espazo de resistencia ante a inxustiza, a violencia e o horror, un espazo que reivindica o humanismo fronte á barbarie do s.XXI.
A súa voz e as súas cancións acompañaron a unha xeración reivindicativa que as converteu en himnos que a través do tempo seguen soando cada vez que xorde un clamor pola liberdade.
Paco Ibáñez simboliza a miles e miles de vidas, as de todas as xeracións que loitaron e as que seguen loitando e que o deron todo, que todo o sacrificaron polas súas ideas , as súas cancións renden homenaxe ao seu paso pola historia. Á súa dignidade.
Paco Ibáñez segue sendo un faro para orientarse nestes tempos de ignominia a escala planetaria. É a razón e é a poesía nun tempo de tolemia e de esquecemento da beleza das palabras.