Evento: Exposición 'Faraón. Rei de Exipto'
Exposición 'Faraón. Rei de Exipto'
A Cidade da Cultura acolle ata o 15 de agosto (andar 2) a exposición 'Faraón. Rei de Exipto', composta por 140 pezas das coleccións do British Museum, un dos máis prestixiosos e visitados museos do mundo. A mostra, desenvolvida polo propio museo británico, chega a Galicia froito da colaboración entre a Fundación ”la Caixa” e a Xunta de Galicia e no marco do Xacobeo 2021, e explora o simbolismo e o ideario da monarquía exipcia, á vez que tenta desvelar as historias que se ocultan detrás dos obxectos e das imaxes que deixou como herdanza esta antiga civilización.
'Faraón. Rei de Exipto' permitirá ao público viaxar tres milenios atrás na historia do Val do Nilo, a través das estatuas e os monumentos cos que os faraóns construían con esmero as súas identidades e proxectaban unha imaxe idealizada de si mesmos, ben como guerreiros poderosos, protectores de Exipto contra os seus inimigos, ben como intermediarios entre os deuses e a humanidade. Pero máis alá desta imaxe, a mostra permite afondar nunha realidade máis complexa, na que os gobernantes desta terra non foron sempre homes –a famosa raíña Hatshepsut, por exemplo, rexeu os destinos de Exipto como faraón entre c. 1472 e 1458 a. C.– nin tampouco foron sempre exipcios, xa que en épocas de inestabilidade política e guerra civil, Exipto foi conquistado por potencias estranxeiras, e gobernado polos seus monarcas.
Dividida en nove ámbitos, examina a figura do monarca exipcio desde todos os puntos de vista: como ser divino, na súa vida de palacio e familiar, como gobernante, ou como guerreiro. Os obxectos expostos reflicten a diversidade consubstancial á monarquía exipcia e xunto a estatuas, belos relevos en pedra de antigos templos e ourivería, a exposición tamén presenta obxectos menos habituais, como as incrustacións de cores empregadas para decorar o pazo dun faraón, o arco de madeira dun dos comandantes militares do faraón, ou as imaxes de gobernantes persas, gregos e romanos que actuaron como faraóns.
Supón, en definitiva, unha oportunidade para coñecer a fascinante historia que rodea esta aínda enigmática civilización e permite ver por vez primeira en Galicia numerosas pezas da extraordinaria colección de arte exipcio do British Museum.
Programa didáctico e visitas guiadas gratuítas
As visitas comentadas á mostra, tamén gratuítas, precisan de inscrición previa na páxina web www.cidadedacultura.gal.