Evento: A vida lenta: Memoria e ritmos do rural galego
A vida lenta: Memoria e ritmos do rural galego
A nosa Sede de Vigo acolle un novo proxecto expositivo interdisciplinar mediante o que reflexiona sobre as formas de vida vencelladas ao rural galego, a súa iconografía, a súa presenza na cultura contemporánea e a sostibilidade do medio. Da man de Aser Álvarez, director, guionista e produtor galego, «A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego», conxuga máis de 70 fotografías, máis de 40 minutos de pezas audiovisuais, fragmentos poéticos e música nun proxecto pensado como instrumento para fomentar o debate contemporáneo e a revisión dunha realidade esencial para a conformación da identidade en Galicia.
A exposición conta con valiosos fondos documentais fotográficos e cinematográficos sobre o rural galego desde 1930 ata finais do século XX: a colección de Jaume Lloveras e Juan Piñeiro Andión (1978-1986), o arquivo do fotógrafo lugués Carlos Valcárcel e os Fondos Fotográficos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Cada un deles achega unha perspectiva diferente sobre unha mesma realidade, e é esta diversidade de perspectivas a que favorece unha precisa análise sobre as representacións do rural, aquelas que foron constituíndo, tamén lentamente, o imaxinario colectivo.
A mostra presenta tamén versos creados por algúns dos poetas gañadores do Premio de Poesía Afundación, como Olalla Cociña, Miguel Sande, Gonzalo Hermo e Oriana Méndez, co obxectivo de reflexionar sobre a presenza da natureza na cultura contemporánea. A banda sonora da mostra, unha creación de Moisés Quintás, recrea o chiar dos carros, o ouvear dos lobos, o xirar das rodas de muíño ou o cravuñar das gadañas.
Con esta iniciativa, Galicia convértese na primeira comunidade de España en abordar unha exposición monográfica cos fondos catalogados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Esta exposición desenvólvese nunha conxuntura en que a preocupación pola conciliación persoal, a convivencia co medio natural e a análise dos nosos ritmos vitais está a experimentar unha reflexión intensa a consecuencia da pandemia. A teor deste contexto, o traslado ao rural ou a núcleos de poboación máis reducidos preséntase como un garante de calidade de vida. O que noutrora fora deostado como antítese do progreso, contémplase agora como posible solución dos desequilibrios de demografía territorial.
A mostra complétase con actividades online e convidados de primeira liña, que desenvolven a creación contemporánea e de vangarda desde un forte compromiso co rural e que inspiran un necesario debate sobre a súa situación actual e as súas opcións de futuro. Participarán, entre outras figuras destacadas, Oliver Laxe, que está a traballar nun centro de desenvolvemento rural na aldea lucense onde filmou O que arde; ou a ilustradora e muralista Xoana Almar, da Cooperativa Cestola, quen recrea e dignifica en chave contemporánea, e cun estilo moi propio, o universo rural.