Evento: Mounqup
Mounqup
Camille Hédouin (Nantes, 1986) chega a Galicia en 2011 para instalarse na aldea de Pardavedra (A Bola, Ourense) e formar parte do proxecto de recuperación da aldea de Saumede. Intégrase rapidamente, aprendendo o galego, idioma que utiliza nas súas composicións xunto ao francés e o inglés, e comezando a desenvolver as súas propias composicións partindo de material obsoleto e instrumentos para nenos.
Desenvolve unha electrónica moi persoal que conecta directamente coa islandesa Björk, pero tamén con Animal Collective, Grace Jones, The Knife ou Tune-Yards. A xente atopa o que quere atopar na miña música. O que escoito non se ten que transmitir tan evidentemente. Hai uns filtros inevitables moi subxectivos que son, primeiro, o meu cerebro e, despois, o cerebro da persoa que escoita o que fago. Tecnicamente calquera tipo de música pódeme ensinar algo, ata Julio Iglesias. Non sabería definir a miña música, hai cousas que me gustan, outras que non e hai cousas que quero expresar, todo mestúrase e sae na música. É unha desorde e estou lonxe de estar satisfeita, así que me espera moito curro comentaba a Xavier Valiño (MondoSonoro Galicia - Castela e León / Outubro 2017). Ela fala de electrónica vogal rural, algúns medios de worldtrónica.
En 2017 gana o IX Certame Musical Fran Pérez Narf" organizado pola Deputación da Coruña, destacando o xurado a súa forza, o ben que comunica, o traballo que hai detrás da creación e a súa condición de proxecto innovador cunha impactante posta en escena.
O seu primeiro traballo é Proba de Son (Molho, 2017), gravado integramente por ela, contando con César o Pana (batería de Belöp) para as mesturas e masterización. Algunhas cancións do disco como Chuvia ou Self sufficiency son incluídas na compilación Deus, Ministerio, Choiva e Poder (Autoplacer, 2017), no que comparte surcos con Drama, Defunta Calva e Negrønegrø. Os catro grupos finalistas do Concurso de Maquetas Autoplacer 2016. O disco preséntase como unha colaxe poética que nos conduce por catro paisaxes alternativas, diferentes pero subconectados: Deus, ministerio, choiva e poder? é unha viaxe que transita do pop á electrónica pasando polo synth e o postpunk a través da experimentación de Negrønegrø, a intensidade de Defunta Calva, o ritmo de Mounqup e a hipnosis de Drama.
Un ano despois chega Castro Verdi (Molho, 2018). Un paso adiante na súa carreira que a leva a explorar novas texturas, aventurándose por novos carreiros que a achegan ao jazz, a electrónica con tinguiduras tribais e a experimentación con música incidental.