Evento: Baía edicións con vos na casa: A herdanza do marqués
Baía edicións con vos na casa: A herdanza do marqués
En Baía Edicións estamos convencidas de que a única forma de frear a pandemia en Galicia neste momento pasa polo peche total e limitación de movementos. En consecuencia, non enviaremos libros, xa que pasan por moitas mans durante a viaxe.
Sabemos que todas e todos temos moito que ler ou reler na casa, pero co beneplácito das súas autoras e autores deixamos unha listaxe de títulos a escoller que vos poden axudar a superar o confinamento. Só pedimos que lembredes a súa empatía e fagades un uso responsable destes textos respectando a súa obra, que tan xenerosamente prestaron para a nosa campaña #euquedolendo #baíaconnósnacasa.
Zoila nin imaxinaba que un sitio como Vilacardoso podía encerrar tantos segredos escuros. Bastante fora con deixar a cidade, as vellas amizades e, sobre todo, a Jonathan.Xandra ben coñece eses enigmas: forma parte deles, tan ao seu pesar. Esa ancestral maldición dos Corredores da que nin ela nin a súa familia conseguen fuxir e que tanto lle complica a vida.A herdanza do marqués é a historia da súa amizade, das sombras ameazantes que espreitan, da vella historia da casa Ervedelo e da aínda máis antiga dos Negro e o Marqués de Vilacardoso, da calor abafante, das lendas sinistras e das ofertas temibles. Coidas que serás capaz de pasar as súas páxinas sen ter arrepíos?Escrita en primeira persoa por cada unha das protagonistas desta intrigante historia, mostra dous vehículos distintos e, á par complementarios, de narrar: o tradicional, en que Xandra nos fai partícipe das súas preocupacións e vivencias directamente, e o propio das charlas pola Internet, en que Zoila non se dirixe directamente ao lector, senón aos seus amigos da cidade. Pode verse, tamén, como un xogo de irmandade entre o rural e o urbano, entre a modernidade e a tradición, entre o pasado e o presente, posto ao servizo da resolución dun enigma que condiciona os dous mundos.