Evento: As primeiras olladas ao Pergamiño Vindel
As primeiras olladas ao Pergamiño Vindel
Co gallo do Día do Libro, a Real Academia Galega volve deterse no Pergamiño Vindel, tras a súa estancia en Vigo, cunha mostra das pezas máis significativas arredor dela que custodia a biblioteca da institución.
Entre elas poderán verse o artigo na revista Arte Español do libreiro que lle deu nome, Pedro Vindel, no que anunciaba, en febreiro de 1914, a súa descuberta; e un dos escasísimos exemplares do libriño que publicou un ano despois de atopalo por casualidade, que inclúe unha edición facsimilar deste tesouro.
A Academia conserva unha das poucas copias impresas do volume, a que pertenceu a un dos académicos fundadores da RAG, Eladio Oviedo y Arce, primeiro galego, coa colaboración do académico correspondente Santiago Tafall Abad, que estudou seriamente o pergamiño. A interpretación e crítica do texto literario do primeiro, acompañada do texto musical, a cargo do segundo, foi publicada no Boletín da Real Academia Galega entre 1916 e 1917, e posteriormente nunha separata que tamén se pode ver na exposición.
Ademais dos títulos xa mencionados, exporase o primeiro traballo cualificado sobre o Pergamiño Vindel, A propósito de Martim Codax e das súas cantigas de amor, asinado en 1915 pola reputada filóloga Carolina Michaëlis de Vasconcellos, unha edición facsimilar do Pergamiño editada por Moleiro e outras obras actuais sobre o manuscrito.