Evento: Esa muller
Esa muller
A exposición Esa muller, de Mar Ramón Soriano, forma parte do proxecto apoiado pola axuda Injuve para a Creación Joven 2017-2018. Está comisariada por Eduardo Valiña e permanecerá aberta ata o 8 de abril.
A mostra componse dunha colección de xogos de azar desprovistos da súa función ao estaren realizados en cerámica. Estas pezas teñen unha clara referencia á sexualidade, o material se relaciona co corpo humano e a fraxilidade. A mostra complétase cunha serie de retratos de persoas vinculadas ao caso Lewinsky. Co seu traballo, Mar Ramón reflexiona sobre a humillación que se fai da libre sexualidade feminina, en relación a este caso sucedido fai 20 anos e que supuxo unha revolución na moral social e política americana. Monica Lewinsky foi tachada de adúltera polos republicanos mentres os demócratas culpábana de poñer en perigo ao presidente. O propio Bill Clinton referiuse a ela coma “esa muller”, verbas que dan título á exposición.
Mar Ramón Soriano (Valencia, 1993) está a realizar o doutoramento en Belas Artes tras cursar o Máster en arte, creación e investigación na Universidade de Vigo. Participou en diversas exposicións coma Novos Valores en Pontevedra (2013, 2016 e 2017), 9º premio Auditorio de Galicia para novos artistas, Xuventude Crea na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela (2016), Alén dos xéneros no Marco de Vigo e no Auditorio de Galicia (2017).
A artista recibiu no 2016 o 2º premio de artes plásticas Xuventude Crea. Tamén participou en residencias artísticas no V Encontro de artistas novos en CDC, Santiago de Compostela (2015) e no Estudio Aberto #5 en MPL, Lugo (2016).