Evento: Feira do Grelo
Feira do Grelo
A Feira do Grelo das Pontes de García Rodríguez, a primeira que se adicou en Galicia e este produto, celebrouse por primeira vez no ano 1981, froito dunha iniciativa desenvolvida pola corporación municipal e a comisión de festas daquel ano.
Dende aquelas datas vén celebrándose con carácter anual, cada domingo de Entroido, esta festa que atrae a milleiros de persoas de toda Galicia. Ao longo da xornada sucédense diversos actos entre os que destacan o concurso de grelos, que comeza a primeira hora da mañá e que achega ás Pontes a produtores non só da bisbarra do Eume, senón da Terra Chá, Ortegal e Ferrolterra. Neste concurso prémiase a calidade do grelo e tamén as cestas mellor adornadas. Xa preto do mediodía pódese gozar da degustación de comidas elaboradas con grelos e outros produtos da zona.
Outro dos grandes atractivos desta feira son os freixós, que se cociñan nunha freixoeira de grandes dimensións, que fai ata 200 freixós nunha hora.
O festival de comparsas que se celebra no auditorio municipal pola tarde remata os actos deste domingo de entroido.
Este ano será a segunda edición da Mostra da Camelia, ademais da Mostra da Federación de Razas Autóctonas de Galicia. Sábado e domingo será a Feira Son de Campo, con produtos autóctonos.
O entroido é unha tradición moi arraigada no pobo das Pontes. As máscaras déixanse ver polas rúas dende o venres, tanto polo día coma pola noite. Ademais das actividades do concello, outras entidades organizan “bailes de entroido” de moita tradición nas Pontes.
O martes de entroido, festivo local nas Pontes, é o día que se celebra a cabalgata, con disfraces que desfilan polas rúas, e que remata coa entrega de premios.
A celebración acompáñase este ano das actuacións musicais na rúa de Carapaus, Xosé Lois Romero & Aliboria, Tanxugeiras e Treixadura, repartidas entre sábado e domingo.