Evento: Paseos polo Vigo literario

Paseos polo Vigo literario
sábado, 7 novembro, 2015 - 11:30
Saída da rúa Privada Moderna,
Vigo

Paseos polo Vigo literario

Paseo Memoria, política e cidade. O Vigo de Cabalos e Lobos, con Fran P. Lorenzo

Recórdao ti e recórdallelo aos outros… Esa obriga, expresada nun verso do poema 1936 de Luis Cernuda, é a que alenta o percorrido titulado Memoria, política e cidade. O Vigo de Cabalos e lobos.

O roteiro ten no seu epicentro o edificio de Gran Vía nº 2, auténtico protagonista da novela Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, Premio Blanco Amor 2014. A visita, que atravesa os lugares desa ficción pero que tamén pretende dialogar coa magoada memoria da cidade e dos seus espazos perdidos, partirá da Privada Moderna, unha singular rúa, moi preto do Calvario, no vello límite do concello de Vigo e Lavadores. Desde aí, en menos de dez minutos, e cun alto previo no muro de Vía Norte, chegarémonos a Gran Vía nº 2, o fogar da familia Beckmann, os protagonistas de Cabalos e lobos, cabo da cicatriz invisíbel do Scalextric. O arquitecto dese edificio, Francisco Castro Represas, e a súa obra racionalista serán tamén algúns dos fitos deste paseo que atravesa por entre vellos cafés que non existen xa, refuxios antiaéreos, teatros pantasma, cinematógrafos, polas rúas Urzaiz, con parada no vello Derby, a entrada de Príncipe, Colón, Cine Fraga, a vella redacción do Faro de Vigo, Policarpo Sanz (Cable Inglés, Café Colón), Casa Sanchón, a Porta do Sol no horizonte, o Teatro García Barbón, o Teatro Rosalía, Marqués de Valladares, a Alameda (Editorial Galaxia) e As Avenidas, cabo do Bar Comercio, o Navy Bar de Manuel Antonio. Alí fronte ao Náutico e ao pé da Estación Marítima, fronteira do alén, remata o roteiro de Cabalos e lobos. A duración aproximada do roteiro é de unha hora e corenta e cinco minutos.

Os Paseos polo Vigo Literario. Outono de 2015 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo. Para se inscribir débese enviar os datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org até se esgotaren as prazas (50 por paseo). Inscrición por orde de chegada do correo. Saída ás 11:30 h.

Máis eventos de tipo Visita guiada/Roteiro

Ruta "Educación sen límites"
14 de maio a 25 de maio
Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega)
Rock no museo con Mad Martin Trio
18 de maio
Museo de Belas Artes