Evento: Rótulas urbanas con Elvira Carregado
Rótulas urbanas con Elvira Carregado
Este mércores e dentro do Festival Atlántica co cal colaboramos, teremos un roteiro guiado "Rótulas urbanas" coa arquitecta Elvira Carregado.
As prazas son limitadas polo que é necesaria a inscrición previa dende o luns 23 de xuño ás 9.00h, chamando aos números de teléfono: 988 788 385 / 386
RÓTULAS URBANAS
Dende o seu nacemento dunha cidade, a historia e os que formaron parte dela deixan a súa pequena aportación, coma se alguén estendese un papel en branco e comezase a debuxar, e dende entón, progresivamente e sen parar, ese bosquexo vaise continuado polos tempo e as persoas.
Mais non está rematado, e agora é a nosa quenda.
O que hoxe habitamos é o resultado desa complexa e longa relación entre os pobos e o medio. Herdamos espazos froito dun lento proceso construtivo no que estiveron presentes todo tipo de variables, que condicionaron as intervencións humanas e as pegadas deixadas ao longo da historia. E é precisamente esa interacción concreta a que nos permite falar da identidade dun territorio.
Propoñemos un paseo “descubrimento” por ese Ourense, desenmascarando espazos, edificios, fitos que marcaron a historia urbana desta cidade, e que a fixeron como é.
Ás veces serán magníficas arquitecturas, outras arquitecturas desas que permanecen silandeiras e simplemente dan unha resposta correcta ao programa de necesidades e provocan felicidade. Ou prazas, rúas e cruces que percorremos na nosa vida cotiá e que quizais pola súa proximidade non apreciamos, lugares ao final da rúa e que non vemos, que pasan desapercibidos.
Todas, as mais recoñecidas e as mais invisibles, son rótulas urbanas que dalgún xeito decidiron a evolución urbana de Ourense.
Máis eventos de tipo Visita guiada/Roteiro