Evento: Monólogo de Quico Cadaval
Monólogo de Quico Cadaval
Nacido en Ribeira en 1960, Quico Cadaval é contador de historias, director de escena e dramaturgo. Comezou o seu traballo a mediados dos anos 80 baixo o mestrado de Xoán Cejudo, que estimulou o seu autodidactismo. Funda a compañía O Moucho Clerc con grandes artistas do teatro galego. Entre os seus traballos destacan Obra (No comment), Um códice clandestino e Shakespeare para ignorantes, esta última en colaboración con Mofa&Befa, pola que recibiron o premio MAX. Como director lémbrase o seu traballo sobre Cunqueiro titulado O ano do cometa para o CDG e a obra de Shakespeare Noite de reis co CDG. Como contador de historias saíu do café Atlántico e de aí divulgou a narrativa galega por festivais tan importantes como o Iberoamericano de Bogotá, o FILBA de Bos Aires e as Palavras Andarilhas de Beja.
Quico Cadaval leva desenvolvendo desde os anos noventa un tipo de espectáculo unipersoal a medio camiño entre a narración tradicional, a épica escénica e o cabaret literario. Un espectáculo de narración oral que se leva transformando nos últimos quince anos acomodándose ás circunstancias ambientais, inclemencias do clima, ás experiencias persoais do artista e aos terrores mais íntimos do público.