Evento: Festa de San Benitiño de Lérez
Festa de San Benitiño de Lérez
Nun pequeno montículo, á beira do río Lérez, sitúase o mosteiro de San Salvador de Lérez, cunha capela dedicada a San Bieito, o santo milagreiro ao que se lle atribúe a curación de enfermidades da pel, sobre todo verrugas e pústulas. Ata aquí desprázanse os romeiros para asistir a algunha das continuas misas que se celebran desde a mañá, achegarse á pota de cobre onde se queima o aceite milagreiro para adquirilo ou untalo aí mesmo, e cumprir co rito de pasar por debaixo do altar do santo para obter as súas bendicións. Entregan como ofrenda ao santo todo tipo de alimentos, que pola tarde se venden na tradicional poxa no adro da igrexa, e revalidan a fe no que, segundo o canto popular, é o santo máis milagreiro, como reza a canción:
“Se vas a san Benitiño
non vaias ao de Paredes,
que hai outro máis milagreiro,
san Benitiño de Lérez”.
Tras a procesión polos arredores da igrexa, na outra beira do río, nun espazo fluvial de grande interese natural chamado Os Salóns do Lérez, os romeiros inauguran a tempada de festas do verán de Pontevedra, e dan conta de grandes cantidades de mexillóns e empanada que ofrece o Concello.
Máis eventos de tipo Festa/Feira popular

