Evento: Facémolo co corpo. A performance é cousa de mulleres
Facémolo co corpo. A performance é cousa de mulleres
Facémolo co corpo. A performance é cousa de mulleres recolle o traballo dun importante número de artistas, capaces de sustentar por si mesmas un relato en relación á historia da performance dende finais dos anos sesenta, cando este tipo de linguaxe se desenvolve con forza.
A performance emerxe como unha das formas de creación máis interesantes, intensamente vinculada á necesidade de volver unir as prácticas artísticas coa vida, e asumir novos compromisos sociais, algo que a arte esquecera dende os realismos de finais do século XIX. A performance aparece tamén como consecuencia da loita das mulleres artistas por entrar nas institucións, sendo o seu carácter efémero o que facilitaría a súa presenza nos espazos da arte.
En Facémolo co corpo, hai unha selección de obras a través da cal poder falar da performance en Galicia, protagonizada en gran parte por mulleres que tiveron presenza nas programacións de institucións e festivais, e tamén en exposicións e eventos independentes durante as últimas décadas. Algunhas delas son galegas, outras, contribuíron co seu traballo á formación dos públicos e das artistas que teñen nas artes performativas o seu maior campo de expresión dentro do noso territorio.