Evento: Peza do mes: Pela de barro. Castro de Laias
Peza do mes: Pela de barro. Castro de Laias
Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, dos arqueolóxicos) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor. A presentación terá lugar na sala de exposicións "Escolma de escultura", con entrada libre.
A peza que se presenta este mes corresponde a un fragmento irregular de barro cocido procedente das escavacións realizadas nos anos noventa no Castro do Castelo de Laias. Ten o número de inventario DX1029/1 nos fondos do Museo, unhas dimensións de 9,1 x 8,9 x 5,6 cm e está datada no século I a. C. Presenta a peculiaridade de amosar as marcas en profundidade de tres dedos, ademais de gran cantidade de pegadas dactilares. Este tipo de pezas acostuman estar asociadas a refugallos dos fornos de cocción cerámica, aínda que esta peza en concreto, podería ter cumprido algunha outra función. O que é innegable é a importancia da análise destes dermatoglifos para o estudo do pasado.
Ademais da súa presentación pública, a publicación virtual sobre esta peza está dispoñible neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre as súas características, usos e filiacións, o interese do estudio dos dermatoglifos e a explicación mais pormenorizada do contexto arqueolóxico no que se levou a cabo o achado, o Castro do Castelo de Laias, nun estudio a cargo, neste caso, do director do Museo, Xulio Rodríguez González.