Evento: Música en galego
Música en galego
O Día das Artes Galegas é unha conmemoración instituída pola Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) en 2015. A data de celebración escollida pola institución para exaltar e promover a creación galega é o 1 de abril por ser a que figura inscrita nos linteis do Pórtico da Gloria como día da súa finalización en 1188. Cada ano escóllese un homenaxeado da historia da arte galega, de cuxo pasamento deben ter transcorrido polo menos dez anos. Este ano é o trobador galego da segunda metade do século XIII e comezos do XIV, Martín Códax.
Para celebrar esta data fixemos unha escolma de libros con música en galego feita especificamente para as crianzas que combinan letras e ilustracións con música para poñer a voar a imaxinación.
Esta mostra pode visitarse durante todo o mes de abril e maio na sala infantil da biblioteca no seu horario de apertura.