Premio: XIV Certame de Investigación Condado de Pallares
XIV Certame de Investigación Condado de Pallares
Escritos orixinais e inéditos en galego sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos
Co gallo de promover os labores de investigación nos ámbitos da lingüística, a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, etnografía e folclore no antigo territorio que conformaba o Condado de Pallares, a Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Dirección Xeral de Políticas Culturais, a Deputación de Lugo, os GDR Comarca de Lugo e Miño Ulla, Caixa Rural Galega e os concellos de Guntín, Taboada e Chantada, convoca o “XIV Certame de Investigación Condado de Pallares”, que se rexerá polas seguintes BASES:
1. Poderán participar todas as persoas que o desexen, sempre que presenten escritos orixinais e inéditos en lingua galega, axustados á normativa de 2003, sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos ao ámbito territorial dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.
2. A extensión dos escritos é ilimitada, e contarán cun mínimo de cen folios. Deberán ser presentados por cuadriplicado, en formato DIN A4, mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara con tipografía Times New Roman, tamaño 12. Xuntarase tamén unha copia en formato dixital.
3. Os orixinais serán enviados por correo certificado, baixo plica, no que figurarán os datos do/a autor/a, o lugar de residencia, teléfono e currículo, ao seguinte enderezo: Asociación de amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Casa reitoral, n.º 6 - Ferreira de Pallares - 27211 GUNTÍN (Lugo), indicando no sobre: XIV Certame Condado de Pallares. O prazo de presentación rematará o 30 de setembro de 2020.
4. Establécese un único premio de 3.000 euros que será outorgado ao autor/a da obra que reúna suficientes méritos científicos. O premio poderá ser declarado deserto.
5. O xurado estará composto por tres membros de recoñecido prestixio do mundo da cultura galega, designados polas institucións que convocan o certame. Actuará de secretario un directivo da asociación, con voz e sen voto.
6. O xurado emitirá o seu fallo nun acto que se celebrará o día 7 de novembro de 2020.
7. O acto de entrega do citado premio será na Casa de Cultura de Chantada no día, lugar e hora que se comunicará oportunamente.
8. As institucións convocantes resérvanse todos os dereitos sobre o traballo gañador, incluído o da súa publicación na primeira edición. Neste caso, a obra gañadora será publicada na normativa oficial e a organización entregaralle 25 exemplares.
9. Os orixinais non premiados serán enviados aos autores/as e ao seu cargo, nun prazo de tres meses, sempre que o soliciten por escrito. Transcorrido dito tempo, serán destruídos.
10. A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación de todas as normas contidas nestas bases, así como as decisións do xurado que se designe. O seu fallo será inapelable.