Nova: A Xunta reforzará os servizos e a atención de proximidade das bibliotecas públicas
02/04/2022
A Xunta reforzará os servizos e a atención de proximidade das bibliotecas públicas
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presidiu o Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia, onde se aprobaron os estándares do novo mapa de bibliotecas, a ferramenta a disposición dos concellos para diagnosticar necesidades
Definíronse os recursos mínimos cos que deben contar os servizos bibliotecarios integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia para garantir a súa calidade
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2022.- A Xunta de Galicia vén de dar un paso máis para a posta en marcha do II Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia, a ferramenta posta a disposición dos concellos que permite amosar a situación actual e facer diagnose de necesidades bibliotecarias de cada municipio. En concreto, definíronse e aprobáronse os recursos mínimos que deben ter as bibliotecas galegas coa intención de reforzar servizos e mellorar a atención de proximidade.
Así se decidiu na última reunión do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia, que foi presidida polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo. Como expresou no encontro, o obxectivo da Xunta é dispoñer dun sistema bibliotecario robusto e que asegure o dereito de acceso á cultura tanto no eido urbano como no rural. “Debemos ser ambiciosos para garantir eses servizos nos lugares onde non os hai, co esforzo de todas as administracións públicas”, indicou.
O Mapa de Bibliotecas é unha ferramenta clave que está a permitir reforzar a cooperación coas administracións locais para coñecer as necesidades bibliotecarias de cada unha delas. Para actualizar o actual, que foi aprobado en 2016, durante o ano pasado comezouse a traballar e realizouse o censo de bibliotecas formado polos servizos bibliotecarios públicos dos que se posúen datos. Isto é aqueles que prestaron servizo activo nos últimos anos e que estean formalmente na Rede de Bibliotecas de Galicia. Compoñen o censo un total de 307 servizos bibliotecarios radicados en 228 concellos.
Unha vez actualizado o censo, véñense de aprobar os estándares mínimos que deben cumprir estes centros, identificando un total de 30 indicadores repartidos en 10 bloques temáticos, entre os que se atopan a distribución do fondo, espazos, dixitalización, condicións de apertura, recursos humanos, accesos, accesibilidade, accións de dinamización, sustentabilidade e orzamento. Amplíanse así notablemente os elementos de estudo respecto do anterior mapa, que analizaba seis indicadores (ordenadores de uso público, postos de lectura, horas de apertura, superficie, persoal e colección).
Necesidades dos concellos
Tras definir que bibliotecas forman parte do censo e que indicadores se van analizar levouse a cabo a recollida de datos. Como se indicou no encontro, o grao de participación nestas enquisas foi altamente satisfactorio, xa que responderon o 98,7% dos concellos e o 88,3% dos servizos bibliotecarios. Ademais, analizáronse os estándares de xeito pormenorizado e tamén se tivo en conta a opinión dos representantes dos concellos e dos profesionais bibliotecarios sobre estes estándares.
Agora, aplicaranse os estándares sobre os servizos bibliotecarios estudados, o que permitirá coñecer as necesidades de cada concello a partir da comparación entre a situación actual cos valores mínimos estipulados, obtendo desde xeito o grao de adecuación para ese territorio determinado. O seguinte paso será presentar os resultados do mapa a través de fichas de diagnose, nas que se recollerá a adecuación aos estándares de cada un dos concellos analizados, e por outra banda, a través dunha ferramenta informática na que se presenten os datos.
Compromiso coa cultura rural
Durante o encontro tamén se fixo balance das medidas postas en marcha no último ano e as previstas para este, cun orzamento global de 2,1 millóns de euros en distintos eidos de actuación que están a contribuír a impulsar a rede de bibliotecas públicas. Así, inclúense medidas para o crecemento e actualización das coleccións das bibliotecas e dotación de recursos electrónicos, para a dinamización da lectura, para a mellora de infraestruturas culturais dos concellos e para a formación, entre outras.
O Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia está adscrito á Consellería de Cultura, Educación e Universidade. É o órgano colexiado consultivo da Xunta nas materias relacionadas co Sistema Galego de Bibliotecas e para a articulación da cooperación entre as distintas administracións con competencias nesta materia.