Nova: A restauración da Catedral de Ourense recibe un notable impulso con dous novos proxectos dotados con máis de 800.000€

07/04/2021

A restauración da Catedral de Ourense recibe un notable impulso con dous novos proxectos dotados con máis de 800.000€

O Goberno galego adxudicará nas vindeiras semanas a restauración das Torres de San Martiño e as Campás e a fachada occidental, na que inviste case 400.000€

O DOG publica hoxe a licitación das obras nas reixas e púlpitos da Capela Maior financiadas entre a Xunta, o Estado e a Igrexa con 429.000€

Os traballos enmárcanse no novo Plan Catedrais, que blindará o mantemento e conservación dos cinco principais templos ata o Xacobeo 2027

Ourense, 7 de abril de 2021.- A restauración da Catedral de Ourense recibirá este ano un notable impulso con dos novos proxectos dotados con máis de 800.000€ que permitirán solucionar as principais patoloxías que afectan ao inmoble e poñer en valor este importante templo e que se suman aos máis de 2 millóns de euros que a Consellería de cultura leva investidos durante a última década. Así o anuncio hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita a este Ben de Interese Cultural ao que se referiu como unha das principais “xoias do patrimonio cultural galego”.

O titular de Cultura, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, explicou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación das obras para intervir nas reixas e púlpitos da Capela Maior. Trátase dunha actuación que estará financiada entre a Xunta, o Estado (a través do 1,5% cultural), e a Igrexa e que representa “unha boa práctica de colaboración entre institucións”. En conxunto, os traballos contan cun orzamento de 429.000€, dos cales o Goberno galego aporta máis de 175.000. “Este é sen dúbida un bo día para a Catedral de Ourense e para todos os galegos”, salientou.

Esta actuación súmase á restauración que o Goberno galego adxudicará nas vindeiras semanas e que se centrará nas Torres de San Martiño e as Campás e a fachada occidental da Catedral grazas a unha achega de preto de 400.000 euros. Concretamente, o proxecto que está actualmente en fase de licitación contemplan obras de conservación e mellora de diversos ámbitos do templo, que inclúen a fachada occidental, o nártex, as torres de San Martiño e das Campás e dous patios laterais delimitados pola nave central, as naves laterais, a zona do coro e as torres.

Os traballos enmárcanse no novo Plan Catedrais no que está traballando o Goberno galego co fin de blindar o mantemento e a conservación dos cinco grandes templos catedralicios no horizonte do Xacobeo 2027. Román Rodríguez explicou que o Executivo autonómico está ultimando o novo Plan Catedrais, o que será a “folla de ruta” das actuacións previstas nos principais templos galegos nos próximos anos. “É imprescindible traballar na rehabilitación destes templos de maneira planificada e coordinada”, abondou o conselleiro, que puxo en valor a importancia destes bens como “polos tractores” culturais e sociais, pero “tamén económicos” das cidades e das áreas de influencia onde se asentan.

Intervención na fachada occidental

Unha vez adxudicadas nas próximas semanas, as obras terán unha duración máxima de seis meses e con elas solucionaranse algunhas das patoloxías prioritarias do templo, de cara a evitar un maior deterioro deste, permitir a súa utilización e mellorar cuestións relativas á visibilidade dos seus elementos patrimoniais singulares. A devandita intervención está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Ao respecto da fachada oeste, ademais da reposición de faltas e os traballos de limpeza, preconsolidación, consolidación e selado, desmontarase e retirarase unha trazaría de pedra do século XVI, trasladándose para a súa exposición nun lugar axeitado, e procederase á desmontaxe dunha vidreira colocada no século XX no rosetón do corpo superior.

Polo que respecta á trazaría pétrea, estamos diante dunha intervención histórica que é preciso reformular para mellorar a apreciación dos elementos escultóricos da portada románica, axudando así a unha mellor interpretación do conxunto. Neste sentido, cómpre dicir que a trazaría afecta fisicamente e impide a correcta lectura da decoración románica do pórtico exterior da fachada, xa que interrompe, á altura da cintura a contemplación das figuras que o compoñen.

Ademais, procederase á desmontaxe dunha vidreira contemporánea situada no rosetón do corpo superior, ao entenderse que conta cunha presenza excesiva debido aos perfís de aluminio que a definen. Deste elemento almacenaranse aqueles vidros que se consideren de interese. Posteriormente, procederase á instalación dunha nova carpintería de latón na que a Diocese de Ourense instalará a nova vidreira.

Actuacións no nártex e torres

No nártex, acometerase a substitución da iluminación do Pórtico do Paraíso por unha iluminación que mellore o impacto visual das existentes e a súa eficiencia enerxética; restauraranse as portas de madeira de acceso e realizaranse dúas catas na base da torre das Campás para investigar a orixe das humidades presentes nesta zona.

Polo que respecta á torre de San Martiño e a torre das Campás realizarase unha limpeza e rexuntado xeral das mesmas; acometerase a restauración ou substitución das carpintarías, procedéndose á protección dos ocos e, ademais, naqueles lugares con cornixas e repisas susceptibles de filtración de auga ou acumulación de sucidade, colocarase unha chapa de cobre e medidas antiaves. Finalmente, nos patios laterais, substituirase a cuberta plana existente por unha cuberta invertida con acabado superficial de pedra granítica e realizaranse pequenas reparacións das carpinterías e da instalación eléctrica.

Máis de oito séculos de historia

Consagrada en 1188, o templo é de planta de cruz latina, con tres naves que na súa orixe terían tres ábsidas, da que só se conserva a central, composta á súa vez por cinco absidiolas. A súa cubrición realizouse con bóveda de cruzaría cuadripartita. Entre 1499 e 1505 encárgaselle a Rodrigo de Badajoz levantar o ciborio octogonal, que se ofrece no exterior mediante tres corpos, sendo o último unha galería aberta coroado cunha crestería e pináculos que lle confiren unha maior ascensionalidade.

Como espazos sobresaíntes debemos mencionar a capela Maior, a capela do Santo Cristo, o Pórtico do Paraíso e o Museo Catedralicio. Non obstante, toda a Catedral merece atención, comezando polo deambulatorio, que consta de varias capelas, entre as que cómpre destacar a da Asunción ou dos Argiz, que no seu interior alberga a capela do Cristo dos Desamparados; ou a lateral norte, coa capela da Virxe das Neves.

Comparte