Nova: Román Rodríguez destaca a mestría de Domingo de Andrade e anima a protexer e promover o seu legado no Día das Artes Galegas

01/04/2021

Román Rodríguez destaca a mestría de Domingo de Andrade e anima a protexer e promover o seu legado no Día das Artes Galegas

Realizouse unha ofrenda floral na lápida en memoria do homenaxeado situada na capela da Concepción da Catedral de Santiago

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe nos actos do Día das Artes Galegas dedicado a Domingo de Andrade, que incluíu unha ofrenda floral na lápida en memoria do homenaxeado situada na capela da Concepción da Catedral de Santiago. No transcurso das conmemoracións –que contaron coa presencia do presidente da Real Academia de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, e o deán da Catedral, José Fernández Lago- o conselleiro celebrou que a Real Academia Galega de Belas Artes decidise prorrogar este ano a efeméride, despois de que en 2020 a situación sanitaria dificultase celebrar con normalidade a programación. Román Rodríguez salientou mestría de Domingo de Andrade e animou a protexer, divulgar e promover o seu rico legado.

“Grazas á obra de Domingo de Andrade Galicia, e por suposto Santiago de Compostela, é coñecida como referente patrimonial e como meca universal”, expresou recordando a maxistral transformación que realizou de espazos emblemáticos tamén en Lugo, Ourense e A Coruña ou en espazos fundamentais para o Camiño de Santiago.

Como indicou, boa parte do traballo de Andrade pervive en grandes obras como a tripla escaleira de caracol do Museo do Pobo Galego ou a Torre do Reloxo da Catedral –a Berenguela– que son xa iconas do Barroco que recoñecen a meirande parte dos composteláns, galegos ou visitantes.

O Goberno autonómico leva realizando distintas intervencións de conservación en varios dos bens patrimoniais da súa autoría, como foi o caso da Catedral de Santiago –con melloras na Berenguela- ou no mosteiro de Sobrado dos Monxes, entre outras. Ademais, no último ano realizáronse distintas iniciativas da Xunta que poñen en valor o seu legado. Entre elas destaca unha exposición itinerante que percorreu varios lugares de Galicia homenaxeando a longa traxectoria de Domingo de Andrade así como o seu traballo en construcións relixiosas e civís como templos, claustros ou retablos.

Mestre de artistas

Domingo de Andrade, nado na localidade de Cee, é un dos primeiros grandes arquitectos naturais de Galicia en pleno Barroco, mestre dos máis importantes artistas do século XVIII e figura destacada da arquitectura española nos dous campos onde exerceu o seu oficio, a retablista e a construción. Entre a súa traxectoria destaca a labor que realizou como aparellador maior da Catedral de Santiago ou mestre de obras nesta mesma basílica.

Comparte