Nova: A Xunta presenta un recurso de casación á sentenza de Meirás ao considerar acreditado que a posesión pola familia franco foi de mala fe

14/03/2021

A Xunta presenta un recurso de casación á sentenza de Meirás ao considerar acreditado que a posesión pola familia franco foi de mala fe

Os letrados da Administración autonómica sinalan que a resolución xudicial é contraditoria ao cualificar de boa fe a posesión e, ao mesmo tempo, considerar probado que a familia Franco era coñecedora da situación na que se adquiriu o ben

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2020.- A Xunta de Galicia vén de presentar na Audiencia Provincial da Coruña, para a súa elevación ante á Sala Primeira do Tribunal Supremo, un recurso extraordinario por infracción procesal e recurso de casación á sentenza ditada o pasado mes de febreiro e que obriga a indemnizar á familia Franco polo Pazo de Meirás. No escrito conclúese que, á vista dos feitos probados no propio fallo, é contraditorio aplicar a cualificación de boa fe na posesión do inmoble por parte do ditador e a súa familia.

O recurso subliña a incoherencia que supón que a resolución xudicial cualifique, dunha parte, a posesión da familia Franco sobre as Torres de Meirás de boa fe e, por outra, considere probado que foran coñecedores da situación na que se adquiriu o inmoble. Neste senso, entende que quedan infrinxidas as normas procesais ao concorrer nunha contradición entre os elementos probados na sentenza e a propia conclusión.

“Á vista dos feitos probados declarados na sentenza, non pode deducirse, sen atentar contra as regras máis elementais da lóxica e da razón, que estamos ante unha posesión de boa fe, pois é obvio que Francisco Franco non só era coñecedor do vicio do seu título, senón que ademais fixo intentos forzados para ocultalo”, detalla o escrito. Igualmente, sinala que “houbo unha transmisión da mala fe á súa filla, posto que existen feitos declarados na sentenza que necesariamente conducen a pensar que a mesma era consciente do vicio da posesión” por parte do seu proxenitor.

A Asesoría Xurídica da Xunta conclúe que os propios pronunciamentos da sentenza son os que permiten sustentar que a posesión de Francisco Franco era de mala fe. Tamén incide en que a súa dona e a súa filla eran coñecedoras desta situación e que, polo tanto, debe revocarse a decisión xudicial que recoñece que os demandados teñen dereito a recibir unha liquidación posesoria en condición de boa fe.

A decisión de recorrer a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña enmárcase na postura mantida pola Xunta desde o inicio do proceso xudicial de Meirás, no que actúa como parte coadxuvante do demandante principal, a Administración Xeral do Estado.

 

Comparte