Nova: As compañías privadas poden optar a coproducir un espectáculo de danza co Centro Coreográfico Galego

11/12/2014

As compañías privadas poden optar a coproducir un espectáculo de danza co Centro Coreográfico Galego

A prestación consistirá na coprodución dunha montaxe de danza moderna, neoclásica ou contemporánea, incluídos os deseños de escenografía, vestiario e iluminación

O adxudicatario, que terá total liberdade creativa para conformar o equipo técnico e artístico, deberá levar a cabo un mínimo de seis representacións públicas da peza

  • As compañías privadas poden optar a coproducir un espectáculo de danza co Centro Coreográfico Galego Cultura ofértalle ás compañías privadas coproducir un espectáculo de danza co Centro Coreográfico Galego

Santiago, 11 de decembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de ofrecer ás compañías privadas galegas a posibilidade de coproducir en 2015 un espectáculo de danza moderna, neoclásica ou contemporánea a través do Centro Coreográfico Galego (CCG), para o que achega unha dotación máxima de 50.000 euros mediante a licitación dun contrato coa Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte o anuncio coas bases que rexerán o devandito contrato, que se adxudicará por procedemento aberto con pluralidade de criterios e tramitación anticipada de gasto. Segundo se especifica nas prescricións técnicas, a prestación incluirá os labores de deseño de escenografía, de vestiario e de iluminación, a selección e contratación de intérpretes, e os ensaios e a distribución da montaxe resultante cun mínimo de seis representacións públicas. Neste sentido, concrétase que a estrea terá que levarse a cabo no prazo de dous meses desde a adxudicación do contrato e as cinco funcións restantes ata o 30 de novembro do ano que vén, sen posibilidade de prórroga.

Asistido polo CCG
O adxudicatario terá total liberdade creativa para conformar o equipo técnico e artístico do proxecto. Unha vez seleccionado e ata o momento da estrea (período para o que se marca un prazo máximo de dous meses), recibirá asistencia por parte do Centro Coreográfico Galego canto á análise, asesoramento, planificación e viabilidade de estratexias tanto no relativo á xestión, financiamento e comercialización como no tocante aos aspectos artísticos.

A Agadic achegará para a realización do espectáculo un máximo de 50.000 euros, IVE incluído, e en todo caso a súa participación no financiamento da coprodución non debe exceder do 85 por cento do orzamento finalmente acordado. Unha vez realizadas as seis funcións mínimas esixidas, a peza pasará a ser distribuída en exclusiva pola compañía adxudicataria, co seu persoal artístico e técnico.

Para optar ao contrato, cada participante deberá presentar, entre outros documentos, unha memoria onde se detalle a proposta artística e de produción da montaxe, o título e a autoría, a coreografía, as fichas artística e técnica, os plans e calendarios de ensaios e estrea, a previsión de cachet en xira, as autorizacións de autores, o plan de comunicación, etc. Os concursantes teñen que acreditar ademais as súas solvencias económico-financeira e técnica, así como xustificar o seu compromiso de adscrición de medios.

A presentación de proposicións debe facerse no rexistro da sede da Agadic na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela no prazo de quince días naturais a partir de hoxe.
 

Comparte