Nova: Morris, María Vázquez, Xulio Abonjo, Melania Cruz protagonizarán 'Ons'

07/10/2019
Morris, María Vázquez, Xulio Abonjo, Melania Cruz protagonizarán 'Ons'
Román Rodríguez pon en valor o potencial da paisaxe galega como escenario para producións audiovisuais
O conselleiro de Cultura e Turismo participou hoxe na presentación de ‘Ons’ o filme de Alfonso Zarauza que se rodará no Parque Nacional das Illas Atlánticas
Destacou o talento do noso audiovisual e subliñou a súa capacidade para proxectar a imaxe da nosa Comunidade en España e no estranxeiro
Bueu (Pontevedra), 4 de outubro de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, puxo en valor o potencial da paisaxe galega como escenario para producións audiovisuais durante a presentación de Ons, o próximo filme do director Alfonso Zarauza que comezará a rodarse este martes neste enclave do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
A película, beneficiaria das subvencións da Xunta, estará rodada en galego e castelán e contará cun elenco conformado por algúns dos actores galegos máis destacados como Antonio Durán Morris, María Vázquez, Xulio Abonjo, Melania Cruz. Precisamente, o titular de Cultura e Turismo puxo en valor o talento do sector audiovisual da Comunidade e subliñou a súa capacidade para proxectar a imaxe da nosa Comunidade tanto en España coma no estranxeiro.
Entre os valores cos que contará este filme, Román Rodríguez destacou o papel protagonista que xogará a Illa de Ons, “un emprazamento de excepción que destaca pola súa beleza e a súa riqueza paisaxística que agardamos que proximamente sexa recoñecida coa distinción de Patrimonio da Humanidade”. Neste sentido, destacou o potencial do sector audiovisual para dinamizar e poñer en valor distintas zonas do territorio galego.
Éxitos do audiovisual galego
O conselleiro de Cultura e Turismo amosouse confiado de que este novo filme de Alfonso Zarauza “será un novo éxito do noso audiovisual” e puxo como exemplo do bo facer deste sector os éxitos acadados polo cineasta Óliver Laxe co seu filme O que Arde, premiado no recoñecido festival de Cannes.
En paralelo, salientou a necesidade de apoiar o sector “durante toda a cadea de produción”, fomentando o talento propio, o desenvolvemento de proxectos, a súa produción ou a celebración de eventos e festivais de cinema.