Nova: ‘La trinchera infinita’ pecha a 24ª edición do OUFF

05/10/2019

‘La trinchera infinita’ pecha a 24ª edición do OUFF

Román Rodríguez asiste á clausura da 24ª edición do OUFF, festival de referencia para afeccionados e profesionais do cine

O festival ofreceu unha ampla e extensa programación cultural que culmina hoxe coa proxección da longametraxe ‘La trinchera infinita’

  • Román Rodríguez asiste á clausura da 24ª edición do OUFF, festival de referencia para afeccionados e profesionais do cine Román Rodríguez asiste á clausura da 24ª edición do OUFF, festival de referencia para afeccionados e profesionais do cine

Ourense, 5 de outubro de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, asistiron á clausura da 24ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), na que se deu cita ao longo da última semana a industria cinematográfica.

O OUFF pecha un ano máis as súas portas como festival de referencia para afeccionados e profesionais do ámbito pola súa perspectiva cultural e pola extensa programación que ofreceu aos asistentes.

Durante a clausura, proxectouse a longametraxe La trinchera infinita, dirixida por Jon Garaño, Aitor Arregi e José Mari Goenaga e protagonizada por Antonio de la Torre e Belén Cuesta, entre outros. En xornadas previas, realizáronse pases de diversas películas entre as que figuran cintas premiadas en prestixiosos festivais internacionais e dirixidas por Oliver Laxe, Alejandro Landes ou Gael García Bernal.

Este festival tamén albergou diversas iniciativas como o certame de curtametraxes, OUFF en Curto, o OUFF Escola, que premia a creatividade audiovisual en galego do estudantado, ou Viaxe de cine por Ourense, que permitiu dar a coñecer os escenarios da cidade que serviron de set de rodaxe para diferentes películas.

 

Comparte