Nova: O FICBueu proxectará en 9 días preto de 100 curtas galegas e internacionais

04/09/2018
O FICBueu proxectará en 9 días preto de 100 curtas galegas e internacionais
O FICBueu conta con subvención da Xunta para proxectar en 9 días preto de 100 curtas galegas e internacionais
A sección Galicia R inclúe Aysha, de Fon Cortizo, A muller invisible, de Noemí Chantada, The Neverending Wall, de Silvia Carpizo; Plus ultra, de Helena Girón, e a multipremiada Matria, de Álvaro Gago
O evento, que se desenvolverá do 7 ao 15 de setembro, cofinánciase a través da convocatoria de subvencións da Agadic para festivais audiovisuais
Entre as actividades complementarias destacan os concertos de Xoel López e De Vacas, o espectáculo a cargo dos ilustradores Luis Davila e Marc Taeger e un monólogo especial de Carlos Blanco
Bueu (Pontevedra), 4 de setembro 2018.- O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu) proxectará entre os vindeiros 7 e 15 de setembro preto de 100 títulos galegos e internacionais, ademais de ofrecer charlas, conferencias, espectáculos de narración oral e humor, concertos, actividades infantís e de implicación social. O evento, que chega este ano á súa undécima edición, conta con financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través das subvencións a festivais audiovisuais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
A sede da asociación organizadora acolleu hoxe a presentación do programa completo do certame, nun acto no que participaron o director da Agadic, Jacobo Sutil; o alcalde de Bueu, Félix Juncal; o deputado de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra, Xosé Leal; e mais o director do FICBueu, Manuel Pena.
Na súa intervención, Jacobo Sutil destacou que este é un dos nove festivais audiovisuais subvencionados pola Xunta de Galicia, canle pola que obtén este ano algo máis de 17.000 euros. “Esta é a terceira ocasión na que este festival consigue financiamento a través desta liña de axudas que iniciamos en 2014, formando parte dunha listaxe de adxudicatarios que abrangue citas tan relevantes e tan variadas en formatos e contidos como son o Play-Doc de Tui, o Festival de Cans, o (S8) da Coruña, o Curtocircuíto e a Mostra de Cinema Etnográfico (as dúas citas en Santiago de Compostela), o Carballo Interplay ou o Chanfaina Lab de San Sadurniño”, enumerou.
Potencialidade de futuro
O director da Agadic referiuse á extensa carteleira de case un centenar de títulos nacionais e internacionais postos ao servizo da reivindicación do xénero da curtametraxe a través do FICBueu, da súa calidade e diversidade actuais e da súa potencialidade e valor de futuro. Entre eles, destacou especialmente os traballos realizados por galegos ou de produción galega que se reúnen na sección especial ‘Galicia R’ programada para o sábado 8 de setembro, xa que “conforman –dixo- unha selecta e representativa mostra da produción de curtas que se dá hoxe en día na nosa Comunidade”. Trátase de Aysha, de Fon Cortizo, A muller invisible, de Noemí Chantada, The Neverending Wall, de Silvia Carpizo; Plus Ultra, de Helena Girón, e a multipremiada Matria, de Álvaro Gago.
Na sección oficial internacional concorren 22 títulos, que entran na competición polos galardóns do festival. Ademais do apartado dedicado á produción galega, que contará coa presenza en coloquio dos protagonistas e artífices dos títulos proxectados, o resto das curtas do FICBueu agrúpanse baixo os epígrafes España, Escolas, Xuvenil, Infantil, Escolas e Panorama.
Programación complementaria
Á parte da extensa carteleira de proxeccións, o FICBueu ofrecerá charlas-vermú cos críticos cinematográficos Jordi Costa, Jara Yáñez, Sergi Sánchez e Manu Yáñez; conferencias sobre fotografía e efectos de son; o espectáculo Xogando coa luz (unha proposta artística multisensorial ambientada no mundo do cinema que correrá a cargo dos ilustradores Luis Davila e Marc Taeger); un monólogo especial de Carlos Blanco acompañado pola comparsa local Vou nun bou; un contacontos de cinema con Olalla González; ou o show ao vivo De Galicia a Holywood: salto ou esforzado arrastrarse? protagonizado polo director Rodrigo Cortés, o escritor Juan Gómez-Jurado e o humorista Arturo González-Campos, entre outras actividades.
A inauguración oficial do festival será este venres no Centro Social do Mar, espazo que acollerá a meirande parte da carteleira. O acto iniciarase coa actuación nos exteriores da banda The Alley Stompers, seguerá coa proxección de pezas realizadas no ámbito da área social e rematará co concerto de Xoel López. Os recitais de De Vacas, de Radio Bulebule e da banda de Música Artística de Bueu completan o programa musical.
Ademais, o FICBueu outorga este ano os seus premios de honra á actriz galega Mabel Rivera, ao realizador ourensán Rodrigo Cortés e ao cineasta finlandés Juho Kousmanen.