Nova: Atlantic Emprende+Gaiás analiza na Cidade da Cultura o rol dos eventos e o sector musical no turismo e o desenvolvemento

24/03/2018
Atlantic Emprende+Gaiás analiza na Cidade da Cultura o rol dos eventos e o sector musical no turismo e o desenvolvemento
Os encontros arrancaron coa participación da co-fundadora de Subterfuge Records, Gemma del Valle, e a xornalista Virginia Díaz, presentadora de 180 grados en Radio 3 e Cachitos de Hierro y Cromo, en La 2
Ademais de espazo para o debate e a análise dos retos e oportunidades do sector musical, a xornada incluíu un concerto de Caxade e unha actuación de Rapariga DJ
Os encontros continúan mañá domingo cunha charla do director do Festival NOS Primavera Sound de Porto, José Barreiro, e unha actuación de De Vacas
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2018.- As xornadas Atlantic Emprende + Gaiás, encontros destinados a profesionais, estudantes, emprendedores e empresas do sector musical, comezaron hoxe na Cidade da Cultura con dous paneis centrados por unha banda en novas estratexias de promoción e marca e, por outra, no rol da música no desenvolvemento dos territorios e a súa influencia no sector turístico. A música de Caxade e Rapariga DJ pecharon esta primeira xornada dun evento que continuará a tarde do domingo. Os encontros están organizados pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia en colaboración co Atlantic Fest e co apoio da Agadic.
A xornada arrancou ás 16 horas con máis de 200 participantes inscritos e cun panel para analizar novas estratexias de comunicación, marca e promoción na industria. Para abordar esta cuestión contouse coa xornalista Virginia Díaz, recoñecida especialista no sector musical que actualmente dirixe e presenta o programa 180 grados en Radio 3, arredor das novidades da música alternativa española e internacional. Díaz é tamén presentadora de Cachitos de hierro y cromo en La 2 e subdirectora de Los Conciertos de Radio 3. En 2017 foi galardoada co Premio Ondas na categoría de "Mellor presentador ou programa de radio musical". Tamén neste panel participou Gema del Valle, que ademais de especialista en marketing é cofundadora do selo Subterfuge Records, de referencia en España entre as compañías discográficas independentes. Ambas abordaron cuestións como xestión e imaxe de marcas, linguaxe xornalística ou novas formas de promoción adaptadas ás necesidades específicas do sector musical.
A continuación, expertos e público asistente analizaron o rol da música no desenvolvemento dos territorios e do sector turístico, tratando cuestións como a repercusión dos eventos musicais no lugar onde se desenvolven ou a súa incidencia na mellora da calidade de vida das vilas e cidades. Para tratar estas cuestións, Atlantic Emprende + Gaiás contou con Iñaki Gaztelumendi, ex-director xerente de Turismo de Santiago e que actualmente desenvolve a súa actividade profesional como docente e consultor especializado en estratexia do sector turístico, con clientes como a Organización Mundial do Turismo, a Comisión Europea ou a Spain Film Comission. Pechou o panel a investigadora en desenvolvemento económico, urbanismo e industrias culturais, Paloma Medina, da organización Sound Diplomacy.
Para finalizar a xornada, e xa a partir das 20 horas, o debate deixou espazo para a música en directo, cun concerto acústico de Caxade, o proxecto musical indie-folk do músico Alonso Caxade, e unha sesión de Rapariga DJ.
Programa do domingo
Atlantic Emprende+Gaiás rematará mañá domingo con dous paneis de debate centrados na organización de festivais e outros eventos musicais, cuestión de enorme interese por ser un importante activo cultural, económico e turístico para Galicia. En primeiro lugar, abordaranse cuestións específicas da nova Lei de Espectáculos e a súa repercusión en canto a seguridade, accesibilidade, medio ambiente e conservación do patrimonio. Será da man de Patricia Gabeiras, doutora en Dereito da Cultura, docente e avogada, e de Miguel Gawenda, director de Seguridade e docente especialista en seguridade integral, protección e emerxencias.
Por outra, falarase sobre novos modelos de eventos destinados a novos públicos. Para esta cuestión contarase cun dos relatores máis agardados das xornadas: o portugués José Barreiro, presidente do consello de administración de Pic-Nic Produções e director do NOS Primavera Sound de Porto, festival de referencia no panorama da música alternativa europea. Foi ademais impulsor e co-organizador do veterano festival de Paredes de Coura desde a súa primeira edición.
Por último, pechará o evento De Vacas, o cuarteto de guitarra e tres voces formado por Paula Romero, Inés Salvado, Faia Díaz e Guillerme Fernández, amplamente coñecido polas súas versións en galego de temas comerciais de éxito internacional. A banda foi galardoada nos Premios Martín Códax da Música 2016 na categoría de Coros e Música Vocal.
Formación e análise
As xornadas Atlantic Emprende+Gaiás buscan promover a formación, reflexión e debate arredor dos retos e oportunidades da industria musical a través de paneis de expertos que abordan temas de plena actualidade e interese para o sector. O evento, organizado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia en colaboración co Atlantic Fest e co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, quere así promover o intercambio de coñecementos e a formación de estudantes e profesionais da industria musical, contribuíndo a mellorar a competitividade do sector.