Nova: A biblioteca pública Miguel González Garcés fai balance de 2017

15/03/2018

A biblioteca pública Miguel González Garcés fai balance de 2017

Realizou máis de 140.000 préstamos a preto de 230.000 usuarios e organizou un total de 246 actividades entre promoción da lectura, formación e aprendizaxe, exposicións e obradoiros culturais, ás que asistiron 22.600 persoas

O delegado territorial da Xunta na Coruña. Ovidio Rodeiro, acompañou hoxe a un grupo de 25 alumnos de tres anos procedentes do colexio Santa María del Mar

  • Imaxe: Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés Imaxe: Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés
  • O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañou esta mañá a un grupo de 25 alumnos do colexio Santa María del Mar na súa visita á biblioteca pública Miguel González Garcés O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañou esta mañá a un grupo de 25 alumnos do colexio Santa María del Mar na súa visita á biblioteca pública Miguel González Garcés
  • O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañou esta mañá a un grupo de 25 alumnos do colexio Santa María del Mar na súa visita á biblioteca pública Miguel González Garcés O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañou esta mañá a un grupo de 25 alumnos do colexio Santa María del Mar na súa visita á biblioteca pública Miguel González Garcés
  • O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañou esta mañá a un grupo de 25 alumnos do colexio Santa María del Mar na súa visita á biblioteca pública Miguel González Garcés O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañou esta mañá a un grupo de 25 alumnos do colexio Santa María del Mar na súa visita á biblioteca pública Miguel González Garcés

A Coruña, 15 de marzo de 2018.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañou esta mañá a un grupo de 25 alumnos do colexio Santa María del Mar na súa visita á biblioteca pública Miguel González Garcés. Estivo acompañado pola directora, Marisol González Regal, e polo xefe dos servizos de coordinación da área cultural, Jesús Espada.

O delegado aproveitou a ocasión para dar a coñecer os datos de balance do ano pasado, no que a biblioteca pública realizou máis de 140.000 préstamos de libros, revistas, cómics, discos, series televisivas e videoxogos. No pasado ano o centro coruñés rexistrou preto de 230.000 usuarios, o que supón unha media diaria duns 80 usuarios.

Nese período de doce meses, a biblioteca Miguel González Garcés rexistrou preto de 22.600 participantes nas 246 actividades organizadas por propia iniciativa, ás que hai que sumar outras 186 actividades non organizadas pola biblioteca, pero que se levaron a cabo nas súas instalacións. Os usuarios con carné de socio ou socia da biblioteca en 2017 ascenden a 40.332, o que supón un incremento do 3% sobre os socios do ano anterior. A gran maioría viven na cidade, aproximadamente o 85%, mentres que o resto de usuarios son persoas que se achegan de concellos da área metropolitana.

Entre as actividades máis destacadas atópanse as sesións para formación de usuarios, os cinco clubs de lectura que manteñen activos, as mostras, exposicións e guías de lectura, os cursos de alfabetización dixital e os obradoiros de linguas estranxeiras, impartidos por voluntarios culturais. Así mesmo, a biblioteca tivo unha participación destacada de dinamización e promoción na Feira do Libro da Coruña.

Os máis demandados

O gusto pola narrativa actual reflíctese no ránking das obras máis prestadas. As novelas de Carlos Ruiz Zafón, El laberinto de los espíritus; Patria, de Fernando Aramburu; Todo esto te daré, de Dolores Redondo, e Del otro lado, de Michael Connelly foron os libros máis demandados. Nos libros en galego, triunfou Carlos Casares, na súa vertente xornalística da columna Á marxe de La Voz de Galicia. Casares comparte o primeiro posto coa escritora María Reimóndez con A dúbida; seguidos de cerca por Héctor Cajaraville, coa novela De remate, e Antón Riveiro Coello con A ferida do vento.

Entre os autores dos cómics máis prestados para os adultos, figuran Neil Gaiman con The Sandman, o galego Abel Alves con Aram, o armenio, Yoshiharu Tsuge con El hombre sin talento, Marie Avril e Eddy Simon con Confesiones a Alá e Kim Altarriba por El ala rota. Tamén compiten polos primeiros postos o álbum Barsowia en llamas, unha antoloxía que reúne obras do colectivo Polaqia, xunto con novos autores como José Domínguez ou Jorge Taboada e colaboradores internacionais; e o libro de Mike Chinn que ensina a crear os nosos propios cómics dun xeito visual e ameno: Cómo escribir e ilustrar una novela gráfica.

Pop rock, rap, jazz, blues e os fados portugueses figuran entre os estilos musicais máis prestados. O disco recompilatorio Las cien canciones más rolling de la historia, editadas por Sony Music, xunto cos Greatest hits do grupo musical The Fugees figuran nos primeiros postos; seguidos pola cantante portuguesa Carminho co seu Fado, o álbum Take me to the alley de Gregory Porter, considerado o mellor vocalista de jazz, Domus, a banda sonora dunha película con profundo contido social cantada pola voz emocionada de Silvia Pérez Cruz e os blues de Taj Mahal en The complete Columbia albums collection.

As populares series televisivas Juego de tronos, House of cards, Mad men, The Wire e Bron foron as máis vistas da Coruña. Mentres que os materiais electrónicos máis demandados polos adultos foron Aprenda gallego, o videoxogo Call of duty, xunto co recompilatorio da revista que dirixiu o Nobel Camilo José Cela Papeles de Son Armadans.

Tamén as revistas teñen o seu espazo no servizo de préstamo a domicilio. As máis solicitadas polos adultos son Speak up, revista para practicar a comprensión do inglés a través de artigos actuais; a revista de decoración El mueble, Saber vivir, con artigos sobre saúde, nutrición e vida sa, e o semanario satírico El Jueves.

Os días con máis préstamos son os luns, os venres e os sábados, datas nas que as cifras aumentan ata un 27% máis respecto dos días con menos préstamos. E, por meses, é entre novembro e maio cando as bibliotecas teñen máis préstamos, fronte a drástica diminución de ata a metade dos préstamos nos meses de verán; as bibliotecas abren ao público 30 horas semanais, de luns a venres pola mañá en xullo e agosto, mentres que abren 64 horas no resto do ano, con doce horas de apertura continua de luns a venres, máis catro horas os sábados pola mañá.

Ovidio Rodeiro felicitou ao persoal da biblioteca polo seu traballo e animouno a “facer o máximo esforzo por abrir as portas e as ventás da biblioteca para que todo o coñecemento que atesoura chegue a cada recuncho da cidade”.

Comparte