Nova: A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia incorporou en 2017 sete centros municipais

16/01/2018

A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia incorporou en 2017 sete centros municipais

Trátase de catro bibliotecas e de tres axencias de lectura de Mondariz, do Barco de Valdeorras, de Arzúa, do Pino, de Sanxenxo, da Lama e de Riotorto

Así se desprende da memoria anual de 2017 da Rede, que foi presentada hoxe na reunión do Consello de Cooperación Bibliotecaria, presidida por Anxo Lorenzo

O desenvolvemento das propostas do Mapa de bibliotecas de Galicia, a ampliación do catálogo de GaliciaLe, con 128 títulos; e a previsión de novas incorporacións ao sistema integrado de xestión bibliotecaria tamén centraron a xuntanza

 

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2018.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presidiu a reunión do Consello de Cooperación Bibliotecaria que tivo lugar esta mañá na Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, coa participación da subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal, e de representantes das bibliotecas públicas de titularidade estatal ou autonómica de Galicia, das bibliotecas municipais, dos centros privados integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, das bibliotecas escolares de ensino non universitario e da Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas de Galicia.

Un dos principais puntos da orde do día que centrou a reunión foi a memoria anual da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, na que se deu conta dos novos rexistros e incorporacións á Rede. En total foron sete centros públicos municipais os que se integraron ao longo do ano 2017: catro bibliotecas (a Biblioteca de Mondariz Xoan Xosé Pérez Labaca, a Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán do Barco de Valdeorras, a Biblioteca Rosalía de Castro de Arzúa e a Biblioteca do Pino) e tres axencias de lectura (a Axencia de Lectura Vilalonga, de Sanxenxo, e as axencias da Lama e de Riotorto.

Estudos sobre a situación das redes municipais de bibliotecas

Ademais, ao abeiro das conclusións do Mapa de bibliotecas públicas de Galicia, púxose en marcha a realización dun estudo sobre a situación das redes municipais de blibliotecas dos concellos de Galicia co fin de poder analizar as súas características e necesidades, para mellorar os servizos que se ofrecen. Igualmente, comezouse a traballar nun estudo sobre os concellos que carecen actualmente deste servizo, co obxectivo de valorar a posta en marcha de proxectos piloto que favorezan a súa dotación.

Máis de 14.700 exemplares de novidades en galego

Para a mellora das coleccións e para a incorporación de novidades editoriais en galego nas bibliotecas públicas, a Secretaría Xeral de Cultura convocou en 2017 dúas liñas de axuda por importe total de 550.000 euros, que tiveron como beneficiarios 114 e 152 municipios, respectivamente. A través da liña de subvencións a novidades editoriais en galego, adquiríronse un total de 14.770 exemplares correspondentes a 474 títulos para a súa posta a disposición dos usuarios e das usuarias das bibliotecas.

Avances no sistema integrado de xestión bibliotecaria

Segundo se explicou na xuntanza, en 2018, a Consellería de Cultura e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) tamén teñen previsto avanzar no proceso de incorporación das bibliotecas ao sistema integrado de xestión bibliotecaria. Xunto cos 87 centros que xa dispoñen deste novo sistema –un software libre que ofrece un contorno unificado, tanto para o traballo dos técnicos das bibliotecas como para a consulta dos catálogos das bibliotecas de Galicia para calquera usuario ou usuaria–, prevese que ao longo deste ano se poidan integrar preto de 50 bibliotecas e axencias de lectura

Ademais, co fin de completar e de mellorar a formación dos profesionais da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, Cultura promoveu en 2017 un total de sete cursos presenciais e en liña, un deles en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública, nos que participaron un total de 180 persoas.

GaliciaLe incorpora 128 títulos

Outro dos puntos da orde do día do Consello de Cooperación Bibliotecaria foi a plataforma para o préstamo de libro electrónico nas bibliotecas GaliciaLe, que incorporou en 2017 un total de 128 novos títulos en galego ao seu catálogo, para o que se investiron un total de 75.186,15 euros. Ademais, segundo explicou o secretario xeral de Cultura na xuntanza, a Consellería ten previsto dotar a plataforma dun catálogo de audiovisuais producidos en Galicia –curtametraxes, longametraxes, documentais, animación etc.–, co fin de poñelos ao dispor dos usuarios e das usuarias deste servizo en 2018.

Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia

Tamén centrou a reunión a actividade desenvolvida pola Biblioteca de Galicia, que en 2017 levou a cabo avances importantes para impulsar Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia, integrada no proxecto da Memoria dixital de Galicia. En total dixitalizáronse o pasado ano máis de 3.000 números de La Noche, máis de 7.000 de La Región e de Vida Gallega, ademais da redixitalización de cabeceiras como El compostelano, Diario de Pontevedra e Noticiario de Vigo, con casi 70.000 imaxes novas e de calidade.

A regulación do Depósito Legal en Galicia, cun anteproxecto de decreto que regulará, por vez primeira, o proceso de xestión e constitución das publicacións tanto en soporte físico como as dixitais, completou a orde do día da reunión.

Consello de Cooperación Bibliotecaria

O Consello Cooperación Bibliotecaria ten como obxectivos principais actuar como órgano de información, consulta e asesoramento sobre as políticas bibliotecarias de Galicia e potenciar a cooperación entre todas as administracións con competencias no sistema bibliotecario galego. As bibliotecas municipais, as universitarias e as escolares están representadas neste órgano, no que tamén participan o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas de Galicia (Bamad Galicia).

Comparte